O duodécimo programa da cuarta tempada é un faladoiro gravado con público en A Morada, titulado "Unha tribo para coidar ás infancias e adolescencias tuteladas".
Compartimos o audio da conversa que tiveron Sergio, Eva e André o pasado xoves 21 de novembro en A Morada. Tres persoas cunha conexión profunda co sistema de protección: André foi tutelado desde os 5 anos, pasando por distintos centros de acollida; Eva e Sergio teñen unha ampla experiencia traballando en casas de familia e seguen implicados no sistema. Eva traballa actualmente nun centro especializado en saúde mental para rapazada tutelada pola Xunta, mentres que Sergio coordina o programa "En Familia", un proxecto de acollemento familiar que ofrece fogar a nenos, nenas e adolescentes tutelados.
Nunha hora de conversa, debullaron con fondura o funcionamento do sistema de protección, poñendo sobre a mesa asuntos como as eivas e áreas de mellora, as feridas emocionais das crianzas, o papel das familias-tribo-comunidade no seu benestar, a transición á vida adulta e a necesidade de afecto... entre moitos outros. Foi unha xornada emotiva, chea de ideas e propostas para mellorar a vida destas infancias e adolescencias tuteladas, onde a implicación da comunidade-tribo-sociedade é fundamental.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.