A décima entrevistada nesta tempada é Sergio Puga Amoedo.
Sergio pasou a primeira parte da súa infancia en Espiñeiro (Teis) e, posteriormente, trasladouse a Coia. Alí, el e a súa familia atoparon un barrio con moitas carencias, pero no medio dese ambiente hostil, Menchu e Gelucho souberon crear un fogar protector, onde o sentido da xustiza estaba sempre presente. Familia na que a creatividade e a arte acompañan a moitas das súas integrantes.
O noso entrevistado lembra con orgullo que foi el quen levou aos seus pais á parroquia do Cristo da Vitoria, onde quedaron abraiados coas "emilías", nas que se falaba de loitar polas persoas máis vulnerables e de facer comunidade para mellorar a vida do barrio. Foi nese espazo onde Sergio e as súas compañeiras coincidiron cun dominico novo, con experiencia no traballo con infancia en situación de risco, que os animou a comezar a xuntarse con crianzas e adolescentes da zona. Así, sen sabelo, estaban facendo traballo de educación de rúa, coa orientación e alento de Juan.
Durante a súa etapa universitaria, Sergio recibiu a oportunidade de traballar acompañando a esa mocidade, para máis adiante, xa con Ana, comezar a vivir nunha casa de familia para crianzas tuteladas pola Xunta de Galicia. Daquelas experiencias, Sergio aprendeu que "o máis profesional de todo é a mirada de afecto", a sensibilidade e a intención de estar presente por e para eles. Tras traballar en diferentes entidades sociais, hoxe coordina o programa "En Familia", un proxecto de acollemento familiar para nenos, nenas e adolescentes que viven en centros de protección e non dispoñen de alternativas familiares.
Rematamos a conversa agradecendo a sensibilidade de Sergio coa música de Jorge Drexler, nesta ocasión interpretando "Guitarra y vos".
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.