4x9 #RadioManoplas: "O híper de Coia"

O noveno programa da cuarta tempada é un especial titulado "O híper de Coia".

Neste episodio, mudamos o formato habitual de entrevistas para contar unha pequena historia. A través da voz de Noa Covelo Lores, adentrámonos no relato sobre o "híper" de Coia. En pouco máis de catro minutos, non só repasamos a historia da súa instalación no barrio, senón que tamén exploramos a conexión do Alcampo co parque de A Bouza.

Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.

GUIÓN: O "HÍPER" DE COIA

Antes das 9 da mañá, é habitual ver a decenas de persoas arremuiñarse ás portas do "Híper".

O “Híper" así lle chamamos moitas veciñas e veciños de Coia ao Alcampo. Supoño que o nome quedou de cando a palabra "hipermercado" aínda non era tan común para moitas de nós.

O Alcampo de Coia abriu as súas portas en novembro de 1981, converténdose no primeiro hipermercado de Galiza. Detrás del está a familia Mulliez, unha das máis ricas do planeta. Son tamén os propietarios de marcas que seguramente che soan, como Decathlon, Leroy Merlin ou Kiabi.

Co paso dos anos, o "Híper" pasou a ser un lugar de referencia para a xente do barrio, unha especie de praza do pobo, aínda que privatizada e pensada para o consumo.

Moitas veces pregúntome por que segue a ter tanto magnetismo. Será porque aparece sempre entre os supermercados máis baratos do Estado? Pode que sexan os baixos prezos, si... mais eu prefiro pensar que hai algo máis.

A historia do Alcampo non foi sen polémica. Todo comezou o 20 de maio de 1980, cando o Concello de Vigo concedeu a licenza para construír un centro comercial na parcela 247 do polígono. Aquela decisión non foi ben recibida por todas, e non sen razón. Os informes técnicos de urbanismo foron desfavorables. A construción excedía amplamente os límites legais, pero iso non detivo o proxecto. O "Híper" abriu as súas portas e empezou a funcionar con normalidade. Non foi ata 1984, cando a Audiencia Territorial da Coruña anulou a licenza, dando a razón á Asociación de Veciños de Coia e ao Movemento Cidadán da parroquia do Cristo da Vitoria. Mais a sentenza chegou tarde. O Alcampo nunca pechou, e segue aí, facendo caixa, sobre o que fora o vello Turreiro de Coia.

E aquí está o gran contraste. Onde antes había leiras, pequenos comercios, un palco, árbores que formaban parte da vida comunitaria da antiga parroquia de Coia, agora hai cemento. Un troco que, para moitas persoas, supuxo o final dun modo de vida.

A loita veciñal non puido evitar que o "Híper" se fixese realidade, pero deixounos importantes leccións. Leccións que, anos despois, serviron para salvar A Bouza. Como di Antón Lois, aínda que pareza un milagre, o mérito é máis humano que divino. A Bouza é unha das poucas zonas húmidas que sobreviven en Vigo, grazas á mobilización veciñal que se enfrontou a unha absurda permuta municipal que pretendía converter ese espazo natural en terreos para construír máis edificios.

Hoxe, moitas de nós fachendeamos de barrio e podemos dicir con orgullo: A Bouza é nosa! Un espazo que simboliza a loita e a resistencia dun pobo que non se rendeu, e que segue a coidar da súa terra.

- - -

+INFO:

- O 'híper' de Coia fai 40 anos, Diego Lores Correa (12/11/2021) > https://praza.gal/opinion/o-hiper-de-coia-fai-40-anos

- El día que todo cambió para el comercio gallego, Jorge Lamas (22/05/2024) > https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2024/05/21/dia-cambio-comercio-gallego/0003_202405V21C8991.htm

- Tomar O Turreiro para recuperar a vida, Eduardo Rodríguez Saiz e Diego Lores Correa > https://alicerces.prazapublica.com/post/116281188927/tomar-o-turreiro-para-recuperar-a-vida

- "Toponimia de Coia" con Iván Sestay > https://www.youtube.com/watch?v=iPaEZXt8-aw

- "A Bouza xa é nosa" > https://www.youtube.com/watch?v=uc0GlCu3Kxc