A sétima entrevistada da tempada é Noa Covelo Lores.
Infancia e adolescencia feita a medio camiño entre Ponteareas e Vigo, en concreto en Coia. Familia primeiro e logo amizades vinculan a Noa a un barrio onde pasou pola escola infantil “Rosalía de Castro” e polo instituto. En Ponteareas, vila onde moitas familias coma a dela marcharon na procura de vivenda accesible, entrou en contacto co teatro nas actividades extraescolares.
Estudou bacharelato de artes no “Coia 2” para logo dar o salto á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) onde cursou Interpretación. Gozou dun Erasmus en Lisboa durante a súa etapa de estudante que pecha con “#camiños”. Na presentación -feita en 2018- desta obra parece que atopamos un adianto da vida de Noa: “camiños que unen as aldeas coas ciudades. Os poemas de Rosalía coa música electrónica. O spinning co churrasco. As fotos viradas sepias coas que acabamos de colgar no Facebook”.
Tras anos de diversos traballos precarios Noa marcha un ano a Nova York para ampliar a súa formación artística da man das prestixiosas bolsas Fulbright. Até Brooklyn chegou para se formar en danza, nunha escola que segue o método impulsado por Rudolf von Laban.
Un gusto escoitar a Noa falar de arte, da súa vida que sen dúbida pode inspirar moitas outras. Pechamos coa súa recomendación musical, nesta volta cun tema de Rusowsky que leva por título "mwah :3".
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.