O primeiro: aclarar que imos falar con coñecemento de causa. Un dos dous elementos que conformamos Alicerces estivo traballando na intervención arqueolóxica de Santa Trega, e pensamos que temos amplitude de miras – e con toda a humildade do mundo, tamén coñecemento-, para opinar sobre a escavación arqueolóxica que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra neste xacemento.
Como comezar… Están a vendernos fume. Presentouse esta semana o “Protocolo de xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra”, coas estratexias nas actuacións nos principais xacementos galaicorromanos na provincia. Non imos retomar agora o tema do enfoque que, a nivel xeral, ten o proxecto (xa falamos disto); porén temos que resaltar un aspecto: as verbas da Presidenta da Deputación non fan máis que darnos a razón, xa que se trata dun proxecto de posta en valor (os teóricos da interpretación do patrimonio hai tempo que descartaron este concepto polas súas connotacións ideolóxicas) dirixido aos turistas. Nada de cidadáns, ou de sociedade, nin de comunidade…. Ao turismo. (Reflexión: Existirá a xentrificación arqueolóxica? Cumpre todos os parámetros: abandónase un espazo e logo se recupera cun valor engadido -valor de cambio-, que polo xeral non goza a sociedade na que se insire ese ben cultural…).
Respecto á intervención en si. A verdade é que imos ser pouco corporativos: temos gravado nos nosos maxíns a frase de que non hai que pisarse a mangueira entre bombeiros, pero aínda que miremos para outro lado, os problemas seguirán aí. Por seren suaves, diremos que a intervención de Santa Trega (por certo, precisemos que é unha reescavación dunha parte do xacemento escavado nos anos 30 por Cayetano de Mergelina, non unha escavación ex novo) presenta moitas eivas a nivel metodolóxico: vamos, que ninguén escava así dende hai máis de vinte anos. Nunha intervención arqueolóxica calquera xa é normal a presenza de equipos topográficos modernos (estacións totais, GPS,…), ou de software adaptado á actividade (SIXs). Menos en Santa Trega, unha escavación promovida por unha administración PÚBLICA, e moi ben dotada a nivel orzamentario, por certo. He visto cosas que vosotros no creeríais: xuro que vin facer croquis a man de estruturas arqueolóxicas na era das estacións totais.
Un tema un pouco máis sensible é o incumprimento da Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galicia e do Decreto 199/1997 que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma, e en consecuencia, os agravios comparativos con outras intervencións arqueolóxicas. O que se permitiu a nivel legal nesta intervención á Deputación de Pontevedra suporía case a inhabilitación doutr@ arqueólog@ que dirixira unha escavación coa laxitude desta. Esta actuación comezou alá polo mes de agosto (non setembro, como di Carmela Silva), sen a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia: tan sinxelo é comprobar o que digo como ver a data de sinatura da Dirección Xeral autorizando o comezo dos traballos, e comparalo con calquera noticia de prensa de agosto de 2015). Feito considerado como infracción grave pola Lei 8/1995 (no apartado k do Artigo 91.Infraccións graves, considérase que “…é unha infracción grave a realización de actividades arqueolóxicas sen a preceptiva autorización da Consellería de Cultura, ou as realizadas contravindo os termos nos que foi concedida esta…”).
Ou a ausencia do director nos traballos de campo (houbo semanas, alá por agosto ou setembro, que nin apareceu), incumprindo o establecido no Decreto 199/1997 que regula a actividade arqueolóxica en Galicia. No Artigo 9 (Responsabilidade na dirección) do Capítulo III. Desenvolvemento da actividade, establécese que entre as responsabilidades do director está “…asumir persoalmente a dirección deles, podendo nomear un axudante de dirección que reúna os requisitos especificados no artigo 5º cando, excepcionalmente, teña que ausentarse. Esta substitución deberá serlle notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural…”.
Pensamos que son aspectos da escavación que promove a Deputación de Pontevedra en Santa Trega que deben coñecerse por varias razóns:
1- Porque estamos a xogar con cartos públicos.
2- Porque os bens arqueolóxicos son de dominio público, como recoñece o Artigo 56.1 da Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galicia.
3- Polo ben da profesión. Se outro compañeiro/a, ou empresa especializada neste tipo de traballos fixera algo así, seguro que o que non ía a recibir son palmadiñas nas costas por parte de ningún polític@ ou de ningunha administración. Máis ben caeríanlle paus por todos lados.
4- Porque non nos gustan as orientacións ideolóxicas que ten o proxecto (isto xa é opinión).
5- Porque din que a arqueoloxía trae riqueza, pero de certo que non para os compañeir@s que traballan con frío, chuvia ou sol por menos de 800 euros mensuais en Santa Trega.
6- Polo ben da profesión.
Xogo descuberto. Por min e por tod@s @s meus compañeir@s.
18 febreiro 2016