Ano 1513, Florencia. Nicolás Maquiavelo, o pobre, deu cos seus ósos no cárcere acusado de conspirar contra a poderosa familia dos Medici (as circunstancias non están moi claras, seica escribiu un tuit que non foi do agrado desta poderosa familia florentina. Falan os anais dunha rima fácil cun membro da familia, Juliano…). Para matar o tempo escribe El Príncipe, un libriño co que, segundo contan os historiadores máis lingoreteiros, tratou de congraciarse novamente cos Medici. Nesta obra, o autor italiano describe o método que ten que seguir un gobernante para adquirir e manter o poder político, nunha época na que as monárquicas comezaban a ter un papel determinante na vella Europa.
Na soidade da súa cela, non reflexiona sobre cal é o mellor ou o peor goberno que pode ter unha nación (era un tema moi en boga entre os pensadores do século XVI), senón que só quere dilucidar que tipo de goberno lle podería dar solidez aos incipientes estados nacionais. Por iso a cidadanía, no seu tratado, queda nun segundo plano. Segundo Maquiavelo, un monarca ten que ser alleo a calquera preocupación moral, co fin de acadar un único obxectivo: defender e estender o seu poder por todos os medios, incluso pola forza. Lindezas como “…quen se faga dono dunha cidade e non a esmague, espere ser esmagado por ela…”, adornan o seu tratado.
Maquiavelo tamén é consciente de que o Príncipe debe coidar a súa reputación, así que recoñece a importancia da opinión pública, iso si, co obxectivo de manipulala e usala ao seu servizo. Sen ningún rubor escribe que “…ningunha cousa lle granxea máis estima a un príncipe que as grandes empresas e as accións raras e marabillosas…”. Ou que “…como a cidade está dividida en gremios de oficios ou tribos, debe de ter miramentos con estes corpos, xuntarse a veces con eles e dar exemplo de humanidade, conservado con todo dun xeito inalterable a maxestade da súa clase…”. En definitiva, que a moral queda subordinada á política. Evidentemente, falamos dunha política centrada nunha maior gloria do Príncipe.
Ano 2014, Vigo. No nome de Keynes (o novo deus económico a adorar no término municipal de Vigo) o goberno local promove obras públicas, pagadas con cartos públicos e executadas por empresas privadas. No nome da estabilidade institucional, páctanse co diaño os orzamentos municipais. No nome do progreso, inxéctanse cartos públicos para avións e para feiras comerciais privadas. Namentres, están colapsadas as Axudas de Emerxencia Municipais, e máis de 2000 solicitudes están no limbo burocrático (ollo, que son axudas de emerxencia, que deberían ser para xa: alugueres, subministracións, alimentación,…). Ademais, Sereos segue sen local; pola contra, temos un Barrio Alto (que é como se chama agora a Ferrería) moi chic e todo moi guai, sen yonkis nin xentes que molesten á vista de calquera cidadán de ben….
O goberno municipal de Vigo: Keynesiano ou maquiavélico?
15 maio 2014