Hai uns 4000 anos, nos momentos finais do III milenio a.C. e comezos do II, xurde no Noroeste da Península Ibérica un foco orixinal do que hoxe nós consideraríamos “arte”, aínda que quen o fixo, evidentemente, non o xulgara como tal: a arte rupestre. O epicentro desta manifestación artística situábase nas Rías Baixas, e era a plasmación en pedra dun complexo universo simbólico que non pode ser explicado sen relacionalo cos cambios socioeconómicos no seno das comunidades agrarias que a xeraron. Estas comunidades locais vinculadas a unha metalurxia incipiente estarían a vivir profundos cambios, e quizais estaban ante o nacemento das primeiras desigualdades que carrexaban tensións sociais. Neste contexto de cambio, un novo mundo conceptual transcende dende as esferas mentais ás materiais, ocupando e sacralizando a paisaxe.
A súa temática se ten dividido, dun xeito un tanto forzado, en dous grandes bloques: Temática naturalista, e temática abstracta ou xeométrica. Esta segmentación semella arbitraria, xa que o que importa é o contido da combinación dos diferentes gravados nun mesmo panel, e non tanto a descrición das figuras illadas.
Hai varios motivos que están dotados dun simbolismo particular, como por exemplo os cervos e as armas. Os cervos son as figuras zoomorfas cuxa aparición é máis frecuente, e é moi curioso como se aprecian variantes locais (se estivéramos na Idade Media diríamos que hai constancia de “mestres locais”) que lle dan unha aparencia distinta a estas figuras: cervos máis redondeados que semellan ovellas con cornos na zona de Arousa, as figuras case que rectangulares de Rianxo, as figuras en baixorrelevo de Tourón,…
O universo simbólico que xira en torno ás armas é moi complexo. Estamos ante elementos de evidente prestixio social (na Idade de Bronce non tería todo o mundo unha alabarda, ou un escudo, ou un puñal,…), e é frecuente que aparezan figuras humanas empequenecidas ao lado de grandes representacións de armas.
"Ah, pero non todo vai ser consenso e bo rollito. As explicacións en investigación non son tan lineais, e aparecen voces discrepantes que, con sólidos e lúcidos argumentos tratan de enriquecer o debate e poñen en evidencia a explicación tradicional que presentei nas anteriores liñas (lémbrome dunha polémica que hai anos asomouse ás páxinas virtuais de Arqueoweb… Xa sabedes, investigadores que confunden a disidencia con ataques persoais, supoño que feridas non pechadas de vellas batallas, ollos inxectados en sangue, moreas de pastillas para a hipertensión… A verdade é que causaba moita risa visto dende fora).
"Son os denominados defensores do “ciclo cronolóxico largo” fronte aos defensores do tradicional “ciclo corto”. Estes autores retrotraen a orixe do fenómeno artístico ao Neolítico, e o prolongan ata a primeira metade do I milenio a.C., - fronte a explicación tradicional que o encadra na transición entre o III e II milenio a.C.- e presentan argumentos que, os aceptemos ou non, parecen consistentes.
Razoan, por exemplo, que a presenza de escenas de equitación non encaixa coa adscrición dos petroglifos á Idade de Bronce, xa que semella que a monta a cabalo é unha innovación escita introducida no século VIII a.C. en Europa, pese a que con anterioridade xa se usara o cabalo como de elemento de tracción. Tamén din que o motivo do labirinto ou as escenas de caza do cervo igualmente son do I milenio a.C.
"Deixemos aos académicos cos seus debates e gocemos dos petroglifos tan abundantes nos nosos montes. Cando visitedes algún recordade que son moi sensibles aos axentes erosivos, e non hai peor ataque que a acción do home. Se un petroglifo resulta afectado directamente por un incendio forestal as consecuencias son funestas, xa que as altísimas temperaturas fan que o soporte rochoso se rompa.
"Aínda que é unha práctica en desuso, evidentemente non se vós ocorra remarcar os sucos cun pedra, xiz, cristal,… para facilitala contemplación dos gravados. Se queredes sacar boas fotos, non é necesario facer estas barbaridades, basta con ter unha luz rasante (ao amencer ou na posta do sol), ou ir pola noite cunha luz artificial. Xa veredes como así créase un efecto máxico.
10 xaneiro 2013