Espazo de encontro, de xogo, de música, de xantares comunitarios, de festa…
Falamos de O Turreiro de Coia. Lembran aquelas que vivían na Coia anterior ao polígono que no alto desta parroquia a veciñanza se xuntaba e facía vida. O palco, as árbores, o cruce de camiños eran o escenario ideal para facer unha morea de cousas…., ou sinxelamente para non facer nada. Só chegar, estar, recoñecerse, atoparse.
Coa violenta e rápida construción do polígono, así lembrada polas veciñas que sufriron esa transformación, mudaron dinámicas que permaneceran inalterables desde séculos atrás. Os modos de vida foron mutilados polas máquinas, arrasando con casas, leiras, vidas, arelas de futuro. En moi pouco tempo, formigón e cemento substituíron á pedra e á árbore, e unha marea de novas veciñas chegaron doutras partes para seren a man de obra da florecente industria viguesa.
As leiras deron paso aos grandes bloques. As resistencias, a dor, as reivindicacións, a privación dos recursos básicos, a festa, a droga… foron configurando unha comunidade na que, tempo despois, aínda aguanta un tecido veciñal que segue a ofrecer resistencias e alternativas.
Como anos atrás, a veciñanza ve como desde arriba toman medidas que lles afectan moi directamente. No contexto de empobrecemento que sofre o barrio e a cidade, o alcalde decide que chantar un barco histórico na rotonda de Coia é unha boa medida para seguir facendo de Vigo unha cidade escaparate. A única resposta posible: organizarse e resistir, dun modo pacífico pero sobre todo desobediente. Fronte ás razóns da veciñanza -unha cidade primeiro xusto e logo fermosa-, a violencia da corporación en forma de mentiras e represión, cun obxectivo ben claro: silenciar as reivindicacións e acalar a loita a través do medo.
A presenza da xente no alto de Coia posibilita que se cuestionen, máis alá do barco, o modelo de cidade, ou as políticas sociais e culturais, ou a función dos medios de comunicación, ou o papel dos corpos de seguridade… Caballero acertou co seu diagnóstico de que estamos ante unha loita política. Todo é política. Desde que nos levantamos ata que nos deitamos estamos a facer política, e debemos felicitarnos por isto: o goberno da polis é de todas, non podemos deixala en mans das oligarquías que nos gobernan.
O Turreiro levaba tempo secuestrado polos coches, polo consumismo pero durante meses foi recuperado como punto de encontro desde o que artellar a vida en común. Este espazo agora nada ten que ver co do vello Turreiro; pero sen dúbida a vida flúe como tempo atrás, volven os xogos, a música, as conversas; en definitiva a satisfacción das nosas necesidades como colectivo desde a autonomía e o apoio mutuo.
O reto agora é darlle pulo a estas inercias para seguir construíndo barrio. Moitas contamos cunha chea de experiencias, de vivencias colectivas que unidas á reflexión poden alentar procesos que transformen a sociedade e posibiliten a vida.
Coia, 13 abril 2015
(Texto asinado xunto a Diego Lores)