Hai uns días Xurxo Ayán publicou un artigo –con alusións veladas á nosa anterior entrada- no que defendía a figura do voluntario nas escavacións arqueolóxicas. En Alicerces somos moi listos e as collemos ao voo, así que aí vai a nosa resposta.
En primeiro lugar, dicir que eu nin me sinto -nin quero ser- garante de nada, e moito menos dun suposto bo facer da profesión: hai moitas cousas do modelo actual da arqueoloxía galega que non me gustan o máis mínimo. Por comezar con algo, penso que é absurdo que sexan os promotores inmobiliarios quen, de facto, marquen as liñas de investigación historiográficas. Un exemplo evidente do que estou a falar é o gran avance do coñecemento do Vigo romano no últimos 20 anos: non foi por que houbera unha planificación previa dalgún centro de investigación ou universidade, senón que é consecuencia do pelotazo inmobiliario de catro avezados nunha determinada zona da cidade –cun subsolo ateigado de restos romanos- ata ese momento marxinal (falo de principios dos 90), e que agora acolle unha zona residencial cun certo status socioeconómico.
Tampouco me gusta que os cargos públicos teñan tanto poder de decisión sobre as políticas patrimoniais a seguir. Concordo contigo que a actual arqueoloxía, en xeral, está ao servizo de demenciais ideais políticos, aínda que creo que a ideoloxía hai tempo que deixou de existir para moitos, acantoárona ao fondo do peto ben agochada tras a billeteira. É demencial que as políticas culturais teñan un percorrido de catro anos e logo de volta a empezar, é demencial que analfabetos funcionais decidan o cómo, cando, onde e porqué, é demencial que se constrúan por todos lados millonarias infraestruturas culturais con fondos alleos (europeos, estatais,…) que hai que pechar cando se xestionan localmente (aínda que a súa xestión custe catro patacos),…
Chegados a este punto, teño que ser xusto, e se reparto estopa, reparto para todos. Tamén penso que o grao de bo facer que amosa a xestión arqueolóxica é, por veces, pouco profesional a moitos niveis (empresarial, metodolóxico, laboral,… ), pero non por motivos políticos -temos que entoar o noso mea culpa- senón por culpa nosa. Xa sei que agora o contexto económico non axuda, pero en épocas de bonanza (ah, aqueles anos no que voabamos de escavación en escavación como paxariños de froito en froito…) non fomos quen de dignificar o noso traballo, facelo útil á sociedade, e por desgraza nunca superamos o status da Arqueoloxía da Chambonada. E que conste que eu vivo desto, así que xa sabes, se tes un pedra a man, podes comezar ti coa primeira.
Pero ao modelo de Arqueoloxía Pública que ti defendes tamén lle vexo moitas lagoas, créame moitas dúbidas (que gran canción Hermana duda) sobre todo dende unha óptica metodolóxica (expliqueino na anterior entrada) e laboral, e sigo subscribindo todo o dito ata que alguén me convenza do contrario. Ah, e non me escandalizo por que os voluntarios fosen presos; dáme igual presos, marcianos, que socios do Atleti…, o problema está en que son voluntarios. Esas persoas poderían ser voluntariosas, marabillosas, guapas, feas, altas, baixas, inmigrantes, indíxenas…o que queiras, menos profesionais como os presentas no teu artigo.
Quero terminar cunha pregunta… Nesa escavación que ti dis, na que participaron presos como voluntarios,…todo mundo era voluntario? Os arqueólogos que estaban no equipo de dirección,…tamén eran voluntarios ou cobraban relixiosamente o seu merecido salario a final de mes?
21 outubro 2013