Hai uns días, nunha entrevista nun xornal de tirada nacional, o xornalista gráfico Samuel Aranda –admirado neste blog-, expoñía a súa visión sobre o intrusismo profesional no seu ámbito laboral. Dicía, por exemplo, que por que tivera unha guitarra non era cantante; ou que a súa nai lle curara as feridas de rapaz non a convertía nunha enfermeira: a xente pode facer vídeos ou fotos cos seus smartphones, pero é imposible que ofrezan un punto de vista, un servizo profesional ou anos de experiencia.
Dende hai un tempo, en Galiza, estanse a desenvolver actuacións arqueolóxicas (proxecto de Castro de Mallou, proxecto Torre dos Mouros), no marco da autodenominada “arqueoloxía pública”. Para aclarar ao lector de qué estamos a falar, na páxina web do proxecto de Castro de Mallou, explícase que unha intervención de arqueoloxía pública é “…unha acción arqueolóxica profesional e rigorosa con métodos e programas de apertura e incorporación da cidadanía como axente real de preservación dos sitios arqueolóxicos, así como de divulgación científica…O programa de voluntariado do Castro de Mallou é o sucesor da experiencia da Torre dos Mouros. Calquera persoa, independentemente da súa idade, pode participar neste programa de voluntariado…” (O diaño que está sobre o meu ombro dereito murmúrame que lle choca que se fale de “acción arqueolóxica profesional” e varias liñas máis abaixo de “programa de voluntariado”).
A Alicerces asáltanlle moitas dúbidas con este tipo de proxectos, sobre todo se os pensamos dende unha óptica laboral e/ou metodolóxica. A actividade arqueolóxica en Galiza está regulada tanto a través dunha lexislación de índole patrimonial (Lei 8/95 do Patrimonio Cultural de Galicia, Decreto 199/99 que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma), como a través dun marco que regula as relacións laborais (Convenio Colectivo de ámbito autonómico para Galicia para a actividade arqueolóxica).
A partir de aquí, cremos conveniente empezar cunha pregunta: é ético facer un traballo de xeito voluntario cando o normal (e legal) é cobrar por el, sobre todo nunha conxuntura cun altísimo nivel de paro no sector?
Busquemos un paralelismo no caso dos incendios forestais que nos están a asolar este verán. É evidente, e non fai falta expor razóns, que cando un incendio forestal está arrasando un monte vaiamos todos a colaborar no que faga falta. Pero, …estaríamos dispostos a facer labores de prevención (apertura de devasas, roza,…) gratis? Non debería ser a administración quen velara por estes traballos? Teríamos a solvencia profesional para facelo, garantindo tanto a nosa propia seguridade como unha metodoloxía de traballo correcta?
En canto as dúbidas metodolóxicas que nos preocupan, o primeiro que temos que subliñar é que estamos a xogar cun material –o patrimonio arqueolóxico- moi sensible: na Universidade ensinan aquela máxima de que escavar un xacemento arqueolóxico é destruílo. Os docentes máis barrocos completan esta exposición con iso de que escavar un xacemento é como ler un libro que se está a destruír á vez que se vai lendo.
Deixando a un lado parábolas máis ou menos ñoñas, si é verdade que cando se escava un xacemento, este depósito arqueolóxico se destrúe, íspese de capas de terra ata quedar só co esqueleto dos posibles restos materiais (casas, enterramentos,…). De aí a importancia de fornecernos de metodoloxías e persoal especializado. E para isto, fan falta cartos.
Unha escavación arqueolóxica non é só remexer na terra para exhumar restos (mobles ou inmobles). O fundamental non é buscar restos de casas ou cerámicas, senón ter no maxín sempre a mesma inquedanza: facer unha reconstrución –intelectual- do que pasou alí. Un castro non é só os resto de vellas casas, senón tamén de séculos e séculos de accións (naturais ou antrópicas) que interactuan con ese vello poboado é que se materializan en forma de estratos arqueolóxicos: unha capa de terra que marca o abandono, outra que pode ser un espolio do século XV, etc… Por iso é que ao escavar o xacemento estamos a destruílo, e pasa a ter unha importancia absoluta a documentación de todos os procesos de traballo. Non importa –ou non é o mais importante- que descubramos se tiña 4 o 400 casas, senón responder unha pregunta: saber que pasou (dende un punto de vista estratigráfico e histórico). Non se trata de exhumar vellas casas –neste caso-, senón saber como se fixeron (fases construtivas), como se habitaron (fases de ocupación), como se abandonaron (fases de abandono), que pasou cando esas casas se abandonaron (fases de colmatación),….
Para acometer unha escavación arqueolóxica é obrigatorio facer un proxecto de intervención previo (segundo as directrices do Decreto 199/99 que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma), é obrigatorio redactar un Informe Valorativo, é obrigatorio redactar unha Memoria Técnica final, e unha vez rematados os traballos de campo hai que facer un arduo traballo de gabinete, con analíticas, elaboración de planimetrías, estudo de materiais,… (De novo o pequeno diaño quere falar, e pregunta: tamén son voluntarios estes traballos, é dicir, a redacción de todos estes informes, os traballos de restauración de materiais, as analíticas,… fanse by the face?).
Por outra banda, cando se fai unha escavación arqueolóxica para unha recuperación deses restos a nivel social ou unha posta en valor, é moi importante saber abordar a conservación dos vestixios unha vez exhumados. Os restos dunha casa castrexa, por exemplo, levan séculos baixo terra cunhas condicións de conservación estables: paradoxicamente a terra que a cubría, ademais a protexía. Cando a sacamos novamente ao aire, empezan a actuar sobre ela axentes exteriores (antrópicos e naturais) co cal é imprescindible intervir sobre ela para asegurar a súa conservación para o seu posterior tratamento museográfico. Estes tratamentos os fan especialistas en restauración, non os arqueólogos. E novamente hai que pasar por caixa: estes traballos non son precisamente baratos.
Sinceramente, creemos que este tipo de actuacións fan un fraco favor á profesión e a percepción que ten o cidadán do que é o patrimonio cultural. Estase a intervir sobre un material moi sensible, e tanto a lexislación como o sentido común din que teñen que ser especialistas quen aborden este tipo de intervencións: córrese o risco de banalizar a profesión de arqueólogo e o oficio de auxiliar especialista en arqueoloxía, ademáis de tomar moi á lixeira a xestión do noso patrimonio arqueolóxico.
Pensamos que é imprescindible o achegamento da arqueoloxía e do pasado á sociedade, pero a ponte tendida non é –ao noso entender- a máis axeitada.
15 setembro 2013