Achegamos o texto: "Revista CANIJÍN" nesta ocasión en galego. O orixinal atopádelo no libro: "Comunida es seguridad. Sexta escuela de acción social crítica y transformadora, Coia" editado no ano que pechamos por Zambra e Baladre edicións. O texto enténdese desde unha recollida feita con persoas que participaron ou leron a revista co obxecto de contar a historia desta publicación nun podcast. Imos paseniño, mais temos vontade de sacalao adiante.
Revista CANIJÍN, Diego Lores Correa
En 1992 non había internet, si Curros e Cobis. A Exposición Universal de Sevilla e os Xogos Olímpicos de Barcelona transformaron urbanisticamente as dúas cidades e “amosaron ao mundo que España estaba máis que capacitada para organizar calquera evento internacional con éxito garantido” [1]. Na historia contada polo poder apenas queda espacio para os relatos da periferia.
En marzo dese ano, celebráronse en Madrid unhas xornadas baixo o título: “Respuesta a la injusticia con los niños”. Unha das iniciativas que xurdiron en dito encontro foi crear un boletín con información alternativa sobre crianzas e mocidades que buscaba concienciar á sociedade dos problemas sufridos pola infancia e chavalería das barriadas, ademais de esixir aos poderes públicos o cumprimento real dos seus dereitos. Nacía a revista Canijín.
Canijín viviu dezaoito anos nos que se publicaron trinta e tres números. En 2010 saíu o derradeiro, tras intentos -en van- de evolucionar cara unha páxina web.
Esta breve cronoloxía sitúanos para comprender reaccións como a de Iván ao preguntarlle pola revista: “algo emocional pasa no meu interior, dinmo as miñas tripas, non sei se é nostalxia, agarimo ou unha mestura de ambas con moitas outras”. Teresa, unha persoa clave na historia da Canijín, explica así o que significaba para ela: “un exercicio de compartir experiencias, vivencias, pensamentos, dun grupo de xente que vivía con moita intensidade o seu compromiso coa realidade dos máis marxinados. E un esforzo de que fose aumentando, que fose unha motivación para a xente que estaba nesa idea, nesa loita. Para motivar que se podían facer cousas”. Nas liñas que veñen a continuación tentaremos explicar, coa compañía dos testemuños de varias persoas, o porqué de palabras como as de Iván e Teresa.
Orixes
Luis San Juan, persoa imprescindible na historia desta publicación, di que “a revista Canijín hai que enmarcala nun proceso longo” na que “o fío condutor de todo ese proceso é Enrique Martínez Reguera”. A historia deste coruñés daría para moitas letras que non son obxecto deste texto, en todo caso para aquelas que non o coñezan así o presenta a Wikipedia: “filósofo, psicólogo, pedagogo e escritor español. Exercendo durante máis de corenta anos como educador de mozos en casas de tutela, escribiu varios libros sobre esa mesma educación. Loitou en prol da dignidade de nenos e novos, e froito deste labor educativo ha colaborado na fundación das madrileñas Coordinadora de Barrios e Escola sobre Marxinación” [2].
Facendo memoria da Canijín moitas falan dos Enriques. O outro é o finado Enrique de Castro [3] coñecido popularmente como o 'cura obreiro' ou o 'cura dos pobres' polo seu compromiso coas persoas marxinadas e loita contra a pobreza desde a parroquia San Carlos Borromeo, en Entrevías (Vallecas). Os Enriques son dúas das caras máis visibles da loita e o compromiso coa chavalería e en xeral coa vida das periferias.
A Canijín hai que contextualizala en anos de dedicación, de militancia que iniciaron moitas persoas nos momentos finais do franquismo. Por marcar un fito citamos a actividade do Colectivo Promesa, creado por un grupo de persoas en 1971 que empezaron a acoller crianzas nas súas casas. Unha tarefa que anos máis tarde continuaría a Coordinadora de Barrios. Así lembra Luis a actividade daqueles grupos “que traballaban con nenos, pero fundamentalmente con mozos. Era a época da heroína, da droga, aquilo foi un tsunami que chegou aos barrios e morríanse moitos mozos. Todos os días mortes, detencións, redadas, cárcere, SIDA… Todos eses problemas foron os que mobilizaron a todos eses grupos a crear a Coordinadora de Barrios”.
A Coordinadora de Barrios é outro axente imprescindible para entender a revista. Segundo lemos na súa web estes eran os seus obxectivos [4] “constitúese co fin de estar presente no mundo da exclusión social. Compoñémolo persoas e colectivos que, desde o encontro persoal e a implicación social, buscamos solucións aos nosos problemas xunto a quen hoxe sofren a pobreza e a marxinación”.
Anos nos que as necesidades eran respondidas con organización popular ante o abandono institucional, moitas desas loitas facíanse ao redor de parroquias obreiras como a de Entrevías. O movemento veciñal estaba en forma e ía rabuñando dereitos e conquistas ao poder nunha época marcada polo cambio dunha España franquista a unha democrática.
As mudanzas sucedíanse no aparello do estado. En 1986 España ingresa no que agora coñecemos como Unión Europea. A modernidade trouxo moitos custos e cambios que nos anos seguintes foron golpeando ás de sempre. Iván lembra o contexto dos primeiros anos da Canijín: “a finais dos 90, principios de 2000, unha avalancha de leis e normativas víñansenos encima. Leis bendicidas polo estado, e dalgunha maneira, por todo o aparello, incluíndo ao mundo universitario e a xente progre de moitos ambientes. Todo foi benvido sen un chisco de crítica: a lei de protección á infancia, a lei de voluntariado, a lei de reforma de menores, as normativas punitivas dos institutos…”.
Persoas como os Enriques, colectivos veciñais como a Coordinadora de Barrios, cambios políticos e lexislativos… crearon o contexto necesario para o nacemento da Canijín.
Nacemento da Canijín
Os días 26, 27 e 28 de marzo de 1992 xuntáronse en Madrid xente que viña traballando de forma crítica con criaturas e mocidade. Acaban as xornadas cun grupiño encargado de elaborar un boletín informativo, tal como acordouse, que recollese inxustizas diversas sufridas polos máis pequenos. Créase así o Centro Alternativo de Información sobre Niños y Jóvenes, que dalgunha forma recolle nas súas iniciais o nome de Canijín.
“Inicialmente foi un pequeno folletito” di Luis que participou na revista desde o principio xunto a Martínez Reguera. Luis empezou “primeiro como colaborador e xa logo como coordinador da revista”. Canijín pretendía contar “a realidade que vivían os educadores e as educadoras nos barrios, a situación dos menores nos centros, a expropiación dos fillos, as retiradas de tutela sen garantías…”. Nas páxinas da revista mostrábase a preocupación polo crecente negocio da pobreza: “foi a época en que empezou toda a privatización dos centros de menores, a chegada das grandes empresas que empezaron a descubrir que había unha fonte de negocio nestes temas e moitas Comunidades Autónomas empezaron a privatizar todo isto”. Foi concibida para contar a experiencia da chavalería e a “realidade que vivían os educadores e as educadoras nos barrios”, denunciando “a situación dos menores nos centros, as retiradas de tutela sen garantías, o abandono en que se tiña ás familias”. Eran momentos nos que se estaba construíndo “un aparello legal poderosísimo” que estaba a xerar tanto negocio para uns poucos, como sufrimento para moitas. As letras da revista foron tamén testemuño de como a burocracia esixida desde as administracións foi asfixiando a unha acción veciñal inmersa na profesionalización da acción social.
Unha revista coidada
Para Iván “abrir as súas páxinas por primeira vez supuxo un golpe de realidade en moitos sentidos, do mesmo xeito que coñecer a Enrique de Castro, Enrique Martínez Reguera, Javi Baeza, Sara Nieto e as nais contra a droga de Vallekas e toda a movida ao redor da Coordinadora de Barrios de Madrid e a parroquia de San Carlos Borromeo de Entrevías”. Xunto a elas avogadas, xuízas, educadoras, profesionais do social e en xeral persoas implicadas na transformación social escribiron na revista dando conta das súas vidas. O equipo que a coordinaba buscábase a vida para atopar a persoas que escribisen, moitas alegaban que non sabían ou dicían que “non tiñan tempo, que eran persoas moi activistas, moi comprometidas que non tiñan tempo para escribir”, pero a pesar de todo sacaban un intre para dar conta das súas andanzas. Como di Teresa “o noso non era un traballo, era un modo de vida. Unha opción, unha vocación e unha motivación o estar preto e xunto a adolescentes e mozos nas situacións de máis exclusión”. Unha motivación que unida á necesidade de reflexionar e denunciar en común a deriva que está a levar a atención da infancia máis machucada plasmouse en papel durante os dezaoito anos de vida da Canijín.
A revista era provocadora non só polo contido dos seus textos, o era tamén polo rompedor da súa estética así como pola calidade dos materiais empregados na impresión. Luis di que querían que tivese una “unha prestancia digna, valiosa, incluso un pouco como achegándonos ao luxo”. As portadas eran sempre impactantes. Fotos con imaxes de persoas, que algunhas etiquetarían como afastadas do normativo, con moita potencia comunicativa que buscaban provocar o pensamento. As fotos recompiladas con agarimo, de forma artesanal, escapaban dunha visión ñoña da infancia e/ou condescendente coa pobreza. Na contraportada aparecía tamén unha imaxe, neste caso acompañada dun texto breve cunha mensaxe reflexiva.
Nos trinta e tres números da Canijín atopamos seccións habituais en calquera revista: editorial, cartas de lectores, comentario de noticias, análises de documentos legais/administrativos, artigos, viñetas de humor, reportaxes, crónicas, recensións de libros e películas, entrevistas… Olga, quen estivo ligada á revista ata o seu final, di que “a Canijín era unha forma de expresar, de desafogar, de dar voz aos rapaces” o cal tomaba forma nas súas páxinas de diferentes modos.
Unha revista que remove
O traballo nesta revista de persoas como Luis, Olga, Teresa ou Enrique parece responder ao que así expresa a propia Olga “o interesante está en que algo che remova e fágache repensarche, non? Se che remove, igual páraste a pensar no que estás a facer, que está ben ou non está ben, como che posicionas, por que fas as cousas, non?”. Quen le a Canijín ten claro desde que lado escriben, pero as vivencias, o subxectivo preséntase peneirado polo rigor, pola análise, pola vontade de diálogo e pola necesidade de reflexionar en común. Difícil ler as súas páxinas sen removerse, sen sufrir unha sacudida.
Moitas conversacións permitiron recoller, parte da historia da revista e tamén da vida, dalgunhas, das moitas persoas implicadas nos dezaoito anos de vida da Canijín. Moitas grazas a Olga, Luis, Teresa, Iván, Toñi, Óscar, Pablo, Javi. Manolo, Koldobi… polo seu tempo e dedicación.
Sen dúbida as páxinas da revista eran o reflexo do compromiso persoal e colectivo. Eran tempos sensibles, de cambios legais, administrativos que ían marcar a mirada sobre a infancia e adolescencia en perigo. Tomando palabras de Martínez Reguera estaba en cuestión mirar á infancia como en perigo ou perigosa. Xusto nese momento moitas persoas tomaron partido con moita implicación e sen sabelo influíron na vida de moita xente. Toda esa implicación recollérona tamén os números da revista e como di Olga “quizais a Canijín non morrese aínda…”.
- - -
[1] https://www.rtve.es/television/20170720/especial-espana-92-25-anos-jjoo-...
[2] https://es.wikipedia.org/wiki/Enrique_Mart%C3%ADnez_Reguera
[3] https://www.publico.es/sociedad/muere-enrique-castro-cura-rojo-vallecas-...