Dende agora ata nova orde, este blog queda secuestrado mentres esperamos a chegada da autoridade competente. Equipados cos nosos disfraces de Peppa Pig (só así conseguimos que nos abrira a porta), asaltamos a casa do infeliz que ata o día de hoxe escribía esta sarta de sandeces chamada Alicerces, arrincamos o teclado das súas mans e facémonos co control deste blog.
"Fartos de escoitar falar en anteriores post de petroglifos, galaicos, floreciñas, bolboretas e paxariños, o autodenominado QUEPASA (Queixumes Patrimoniais, Sección Arqueoloxía) toma pola forza este espazo virtual co fin de contar a verdade sobre o patrimonio cultural en Galiza. Vémonos obrigados a tomar esta medida aínda que non nos gusta (onde escoitei eu isto antes?), xa que témola sospeita de que o redactor do blog é un topo da Consellería de Cultura (quen sabe se é o conselleiro mesmo). Somos conscientes de que corremos un grave risco, sabemos o que lles pasa ultimamente aos disidentes, pero estamos nun punto de non-retorno aínda que sexa a costa de noso sacrificio persoal.
"A situación da cultura en Galiza é dramática: cancélanse festivais de cine e música, pechan museos, redúcense os orzamentos da Consellería (e das concellerías) destinados ao desenvolvemento cultural,… Por todo elo, escoitade, só o diremos unha vez: A continuación, expoñeremos varias reivindicacións. Como non se cumpran, empezaremos a enviar (a través do Rexistro Xeral da Xunta) anacos do blogueiro que temos no noso poder: mañá unha orella, pasado outra, logo o seu pelo (bo, pelo non,… maldita sexa, poñede un gorro a este home, que se nos vai a constipar!!!),… Así, as nosas reivindicacións son:
1ª) Pechar a Cidade da Cultura pola súa falta de contidos e por ser unha máquina de devorar cartos. En todo caso, QUEPASA é un grupo de mentalidade construtiva, e como alternativa ao seu peche propoñemos trasladar os restos de D. Manuel Fraga aos seus sotos, para que así estea a altura doutros grandes estadistas nados nas nosas terras que gozan de panteóns de semellantes magnitudes.
2ª) Converter os xacementos musealizados a pé de praia que hoxe en día están pechados ou case que inoperantes en quioscos praieiros. Neles, despacharase empanada de millo, churrasco, sardiñas e viño da terra. Algúns destes xacementos teñen ata praefurnium, co que o tema das brasas queda solucionado. A empanada de chocos tamén é cultura !!!
3ª) Aclarar a política de contratación de profesionais e auxiliares de arqueoloxía que está a seguir a Deputación de Pontevedra. Xa sabedes, non basta con ser honrados, tamén hai que parecelo.
Con esta acción, dámonos oficialmente a coñecer. Nun futuro volveredes a ter noticias nosas. Mentres tanto, non opoñades resistencia e satisfacer as nosas reivindicacións, senón alguén sufrirá as consecuencias.
27 xaneiro 2013