“…O Concello inicia outra tanda de humanizacións por importe superior aos 2 millóns de euros… (fonte)”
QUE COUSA NON É HUMANIZAR A CIDADE?
1. Remodelar as rúas facendo que perdan a súa personalidade e o seu carácter, estandarizando e igualando os seus acabados de xeito que diferentes rúas semellen saír dunha mesma cadea de montaxe. Se fomenta o aséptico, o neutral en contraposición ao familiar, ao subxectivo.
2. Non ter a máis mínima sensibilidade en prol da conservación das idiosincrasias particulares de cada lugar, moitas delas forxadas no transcorrer dos séculos. Por exemplo, desdeñando a toponimia tradicional por outra inventada, desprazando aos habitantes naturais e favorecendo a chegada dunha nova veciñanza máis podente,…
3. Gastar centos de miles de euros en proxectos megalómanos, cando as zonas nas que se insiren (barrios, centros históricos,…) precisan deses cartos para necesidades básicas da poboación non cubertas.
4. Facer que a economía e o comercio sexa o eixo a partir de cal xira toda a vida na rúa, convertendo determinadas zonas das cidades en parques temáticos do capitalismo.
5. Convencer á cidadanía que humanizar é sinónimo de obra pública, desdeñando unha definición máis real do término: humanizar como facer máis humana, máis habitable a nosa casa común, a cidade.
QUE COUSA É HUMANIZAR A CIDADE?
1. Gañar as rúas para as crianzas. Non é cuestión de habilitar espazos acoutados, vixiados por adultos e con xogos deseñados por adultos, senón deseñar plans de acompañamento, traxectos escolares, un urbanismo máis amable na contorna dos centros escolares.
2. Fomentar alternativas aos transportes de vehículos a motor no interior das cidades: carril-bici, servizo de aluguer de bicicletas, aparcabicis,…
3. Facer unha aposta real e decidida pola eliminación das barreiras arquitectónicas. As cidades non só son para os bípedes.
4. Poñer a veciñanza como eixo das políticas urbanísticas, que as persoas volvan ás rúas como cidadáns. Facer cidades para a xente, non para os turistas ou os consumidores. Recuperar sectores degradados das cidades pero non só dende unha óptica urbanística, senón tamén social, cultural, económica,…
5. Recuperar edificios emblemáticos para usos sociais. O patrimonio arquitectónico e cultural é un elemento indiscutible de cohesión social.
6. En definitiva, que sexa a veciñanza e non a lóxica mercantilista o obxectivo das políticas urbanísticas.
5 xaneiro 2015