Este confín da galaxia chamado Galicia sempre tivo fama de lugar illado, afastado dos grandes centros neurálxicos. As súas condicionantes orográficas non favoreceron que quen mandaba (foran poderes políticos ou económicos), fixeran un esforzo por mellorar as súas comunicacións por terra.
"Ah!, pero as comunicacións por mar xa eran outra cousa…. A maiores de seren unha tradicional fonte de subsistencia, era, por antonomasia, o principal camiño galego dende tempos inmemoriais. Por desgraza, o mar para o galego foi máis unha vía de fuxida que un camiño de chegada de aire fresco e novas ideas. Agora xa somos máis modernos e emigramos en avión.
"Pero isto non é nada novo, remóntase a moitos séculos atrás. Alá polo século IV a.C., os antigos galaicos foron testemuñas da chegada de barcos que proviñan de lugares distantes: eran navegantes que traían obxectos e produtos procedentes de diversos lugares do Mediterráneo, e quizais froito destas relacións introducíronse elementos tan relevantes como os muíños circulares, a escultura en pedra ou a ourivería. Neses anos deberon ser bastantes habituais as expedicións comerciais cartaxinesas na fachada atlántica do noso territorio, xa que se teñen atopado abundantes restos de ánforas púnicas en castros galegos, xunto a doas de pasta vítrea e cerámicas.
"Eses comerciantes púnicos que frecuentaban as nosas costas, ademais de produtos e manufacturas, deixaron outro tipo de pegadas máis permanentes nos poboados indíxenas. Pénsase que as relacións entre os castrexos e os comerciantes púnicos non serían unicamente de carácter económico, senón que temos varios exemplos arqueolóxicos para pensar que os lazos transcenderían ata acadar as esferas social e cultural. Un exemplo claro é o castro de Punta do Muíño na parroquia viguesa de Alcabre, con abondosos restos de ánforas púnicas (tense rexistrado a maior acumulación de materiais mediterráneos coñecidos ata a actualidade no norte da península Ibérica), xunto a un altar composto por catro cipos fincados que sobresaen medio metro do chan, delimitados por un pequeno muro e asociado a gran cantidade de materiais de filiación claramente púnica (ofrendas?).
Unha estrutura semellante puido ter existido no veciño castro na illa de Toralla, en Vigo, que quizais tamén contou cun edificio de natureza cultual de filiación púnica. Ou no castro da Lanzada, cunha construción rectangular pétrea do século IV a.C. de carácter non habitacional, posiblemente unha estancia con fines cultuais construída polos navegantes púnicos.
Na actualidade crese que a elección das Rías Baixas por parte dos navegantes púnicos como lugar para o desenvolvemento do seu comercio non é un feito casual. Tense descrito a coincidencia entre a paisaxe castrexa costeira destas rías e a paisaxe púnica: amplas enseadas para fondeadoiros, varadoiros en areais, zonas de embarque e atraque en puntas rochosas, puntos de auga para o abastecemento dos barcos…
No século II a.C. os produtos púnicos empezan a perder a súa supremacía nos mercados locais en detrimento dos produtos e manufacturas doutros comerciantes que acaban de chegar: os romanos, os que seguindo as rutas marítimas do estaño no Atlántico arriban ás costas galegas. Pero esta xa é outra historia, que merece ser contada en outro lugar.
1 decembro 2012