O valor simbólico do patrimonio cultural

Pois xa chegou o Bernardo Alfageme á rotonda de Coia, escoltado por máis policías que veciños -non é unha hipérbole-, con nocturnidade e aleivosía. Abel Caballero, tal e como prometera, pasou por riba da cidadanía.

Non paran de repetirnos dende o Concello que o barco é un ben cultural de primeira magnitude que merece estar nun sitio privilexiado da cidade, para o goce (só visual) da cidadanía… O conto ese da Fontana di Trevi.

Calquera ben cultural, incluído o Alfageme, leva implícitos tres valores: un valor de uso (neste caso un valor decorativo, formando parte do mobiliario urbano), un valor formal (pesqueiro que pode gustar esteticamente máis ou menos ) e sobre todo, un valor simbólico. A grandeza do patrimonio cultural non reside no valor implicito do ben (como é, como se fixo, etc), senón por que constitúe a memoria colectiva dunha sociedade, un dos referentes do sentido de pertenza e identidade dunha comunidade. A cultura e o patrimonio cultural son realidades vivas, e pese a que se asimile o barco ao mobiliario urbano, o seu compoñente simbólico está rabiosamente vivo. O Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos (ICOMOS), o din ben clariño: o concepto ou a representación social dun ben cultural reviste unha importancia maior que o obxecto en si: a dimensión inmaterial prevalece.

Esa é a gran vitoria da veciñanza de Coia: o valor simbólico que terá a partir de hoxe o Bernardo Alfageme, a súa proxección de futuro. Seguirá na rotonda de Coia como símbolo, e día a día será unha lembranza das nosas arelas:

- De que queremos políticas sociais e non obras faraónicas, inútiles e inmorais.

- De que mentres se gastaron miles e miles de euros, no barrio hai xente que non ten para pagar o aluguer ou as subministracións.

- Que queremos pan, traballo e teito (aínda que como sigamos así teremos que recuperar a proposta orixinal de Lenin: pan, paz e traballo).

- Que queremos dereitos sociais, e non esmolas.

- Que a cidadanía está a demandar ser participe das decisións municipais.

- Que cada vez temos máis claro en que trincheira está o PSOE, e non é a nosa.

- Que fronte á razón da cidadanía, atopámonos coa forza e a represión da administración.

- Lembrarémonos dunha policía local violenta e mentireira.

- Que o conflito do barco serviu para que a veciñanza de Coia saíra das súas casas e se xuntara na rúa para pelexar (e rir, e pasar frío, e escoitar poemas…) polos seus dereitos (Isto vale ouro).

Gañamos.

PD: Ao igual que gañaron as xentes da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, parabéns pola súa loita, súa dignidade, o seu compromiso... A viva imaxe da dignidade republicana e cidadá. Perderon a batalla xudicial pero gañaron a simbólica. O debate sobre a Cruz do Castro está máis vivo que nunca: agora é a hora da cidadanía e do resto dos partidos políticos.

19 febreiro 2015