En verdade, son un tramposo… O título do post non debería ser “O sexo na Prehistoria”, senón algo así como “Reflexión sobre os prexuízos de xénero no estudo da Prehistoria e a Historia”. Pero recoñecede que este titular non vende, non é comercial, mentres que a primeira é unha proposta bastante máis suxerinte; xa sabedes, os buscadores na Rede entran nunha voráxine cibernética cando se introduce a palabra “sexo”. Non me delatades ante o responsable do libro de estilo de Praza.
Aos que esperedes que fale do Camarín das Vulvas de Tito Bustillo, ou dos grandes falos sinalando -nun sentido literal- a localización dos lupanares de calquera cidade da Hispania romana, facilitando que os acendidos hispanos non tiveran problema en atopalos nun estado no que se lles anubraba o discernimento, pois sinto defraudarvos.
"Para empezar, propoño un xogo. Imaxinade a unha persoa gravando nunha rocha un petroglifo no noroeste da península hai uns 3000 ano… Xa?… E, por que imaxinades un home?… Acaso non podía ser unha muller a encargada de inmortalizar a cosmogonía dos pobos da Idade do Bronce? De todos modos, non vós preocupedes, sodes vítimas dun mal que tamén sofre a Historia –a pobre-, chamado androcentrismo. Esta enfermidade, xunto ao etnocentrismo e a heteronormatividade, determinan o devir da historiografía: semella que todas as personaxes históricas son homes, brancos e occidentais, e heterosexuais.
Na Prehistoria faise máis evidente este androcentrismo, xa que a principal ferramenta de traballo é a arqueoloxía, e non contamos con documentos escritos ou gráficos que nos falen como era e que facía a xente. Temos que ter presente que a Historia non é algo que exista, senón que se constrúe, e a maior parte das personas que crean a Historia (neste caso a Prehistoria), son homes. E, de certo, por omisión ou convicción, a muller no saíu ben parada nesta construción histórica. Lembremos aquela máxima de Santo Tomás de Aquino, para quen a muller era un varón imperfecto. En fin….
Se nos achegamos á Prehistoria cunha visión crítica ao respecto dos tópicos de xénero, podemos concluír que damos por verdade moitas cousas que en realidade ignoramos como sucederon: non sabemos se os homes cazaban e as mulleres recolleitaban e coidaban da prole, non sabemos como era o reparto dos roles dentro do grupo, descoñecemos se moitos tabús sexuais actuais tamén o eran hai moitos séculos… Cando a investigación nos achega algún dato contrastado sobre o reparto dos roles de xénero na Prehistoria, xorden as sorpresas.
Por exemplo, falando de casos concretos, sabemos que a olaría na Gallaecia da Idade de Ferro pertencía á esfera de produción feminina. Atopáronse nalgún castro galego pelas de barro -destinadas á confección de olas- con pegadas dixitais que sen dúbida pertencían a mans de muller. Iso si, cando nas primeiras décadas do século I d.C. algúns oleiros comezan a producir en serie, asinando os produtos e difundíndoos no seu entorno, o control da produción xa pasa a mans dos homes (Camalus, Pisurus, Argius…), arrebatando ás mulleres a hexemonía da produción oleira que mantiveran dende o Bronce Final ata o século I a.C. Naqueles tempos, tampouco debía ser fácil ser muller: cando se abandona a produción doméstica e autárquica e desenvólvese unha produción para seren distribuída a escala rexional, e o home que se apodera das plusvalías.
Outro tópico que afecta á construción histórica que aludíamos anteriormente –a heteronormatividade-, tamén nos aporta exemplos de como as nosas suspicacias actuais impiden achegarnos sen prexuízos á Historia. Retrotraéndonos novamente á Idade de Ferro, sabemos que posiblemente foran normais as relacións homosexuais nas fratrías de guerreiros galaicos (hai paralelismos noutras agrupacións semellantes, como os guerreiros espartanos). O lado escuro desta práctica é que o sexo homosexual podía ser tamén –desgrazadamente o seguimos comprobando-, unha forma de violencia, dominación e represión na guerra.
4 xaneiro 2013