O reverso escuro

E alá fun eu a ver o novo Centro de Interpretación do Mundo Romano en Vigo, cámara en man e augurando unha visita express (os meus fillos preferían ir a xogar ao balón). Para quen no sexa de Vigo, dicirlles que vense de inaugurar no chalet de Mirambell, no extremo sur da praia do Bao e á beira da villae romana de Toralla, un pequeno centro que xira en torno á relación da cidade olívica co mundo romano.

Que contarvos? As impresións foron positivas: a rehabilitación arquitectónica moi boa, con espazos amplos e despexados, proba de que non é preciso contratar arquitectos/craks doutras ligas, temos xente na canteira moi válida. Nesta rehabilitación demóstrase que se poden desenvolver proxectos arquitectónicos de boa calidade contando co bo facer dos arquitectos municipais, xente nova e sen maior ansia de notoriedade. A proposta museográfica tamén boa, sinxela, ao mellor con algunha cousa mellorable, pero en xeral preséntase unha visita moi agradable ao Vigo antigo. Ben, que non vou destripar o Centro, animo a que vaiades a velo.

Só hai un problema: estase a enganar ao visitante, ofrécese unha imaxe ideal da arqueoloxía viguesa que non é tal, o exposto ten o seu reverso escuro. Todo moi bonito, todo moi bo rollo, pero sería xusto dicirlle ao visitante que as cubetas de salgadura de peixe que se recrean existen de verdade, sería posible incluso velas in situ. O problema é que están na rúa Marqués de Valladares, ao fondo dunha parcela chea de lixo e mato, cubertas de terra. Ou que as famosas salinas tamén se conservan máis alá do centro Salinae, e están ao final da rúa Rosalía de Castro, tamén tapadas. E sorte que neste caso agora xa están soterradas, xa que hai uns cinco anos estiveron moitos meses expostas ao aire sen a máis mínima protección, cubríndose de merda e vergoña.

Este tipo de Centros de Interpretación corren o perigo de ser meros atrezzos de cartón-pedra: se miramos detrás non hai nada, está o abismo e o desinterese das administracións. Constrúense por que non costan un peso ás arcas dos concellos, a financiación é externa (administración central, U.E., etc), e son usados para exemplificar o suposto interese dos políticos ante o noso patrimonio cultural. E mentrés, o lixo agochado baixo a alfombra.

Temos que lembrar que temos un Museo da Cidade, coa súa sección de arqueoloxía, pero sen técnicos (gracioso, un museo arqueolóxico sen arqueólogos). Os datos de síntese das moitas escavacións que se fixeron na zona de Areal-Rosalía de Castro dende mediados dos 90 ata hai poucos anos están, cando existen, ao fondo dalgún caixón. Cando se presentou a oportunidade de conservar os restos arqueolóxicos REAIS, non houbo nin vontade nin valentía política para facelo, e coa lexislación na man era posible. E non falo de hai vinte ou trinta anos, falo da década pasada. Os datos de síntese histórica sobre o Vigo romano que temos xorden na súa maior parte de iniciativas particulares (sobre todo teses doctorais), mentres que dende medios públicos se lle da notoriedade á anécdota e o folclore: que si Vigo era Burbida Magna (sic), que si era unha cidade importante na Antigüidade, etc.

Seguen pasando os anos e seguimos deixando marchar as oportunidades. Cando se convencerán os políticos que o patrimonio cultural non é un problema senón unha oportunidade?

6 xullo 2014