Onte estiven axudando ao meu fillo que cursa 6º de primaria a estudar a materia de Coñecemento do Medio, concretamente a parte que xira en torno á Historia Medieval. É sorprendente como se seguen a repetir nas aulas do século XXI os mesmos tópicos históricos de cando nós eramos nenos, alá polos 70s e 80s. Dentro destes lugares comúns (reducir a Historia da humanidade a unha sucesión de conquistas duns pobos sobre outros, a invisibilidade do papel da muller na Historia, etc) quero hoxe pararme nun: a esaxeradísima preeminencia do substrato visigótico na Historia de España.
Resulta que no libro de texto do meu fillo despachan a transición entre o fin do mundo romano (alá polo V d.C.) e a chegada dos musulmáns (comezos do século VIII), cun sorprendente “No século V os visigodos invadiron Hispania e fundaron un reino con capital en Toledo. Tres séculos despois, os musulmáns conquistaron o reino visigodo e crearon Al-Andalus”. E pregúntome eu: onde encaixamos neste devir o reino dos suevos? Por qué esa exaltación do mundo visigótico e a invisibilización de todo o que cheire a suevo?
Recapitulemos como foi o choio: cando o xigante romano comeza a cambalearse, varios dos pobos denominados “bárbaros” (que non eran nin moito menos descoñecidos ou salvaxes aos ollos dos romanos) aséntase en territorios que administrativamente pertencían a Roma. Alá polo 410 d.C. varios deses pobos xermánicos entran na Hispania romana e repártense o pastel do seguinte xeito: os vándalos silingos establécense na Bética, os vándalos hasdingos na parte occidental da Gallaecia, os suevos na zona sudoccidental deste territorio e os alanos na Lusitania e na Cartaxinense. A provincia Tarraconense quedou libre do influxo bárbaro (era fundamental para os intereses de Roma na Península Ibérica, como porto de saída ao Mediterráneo).
No ano 418 os visigodos (federación aliada de Roma que establecérase na Galia) entran na Península, e alá polo 430 conseguen expulsar a todos os pobos bárbaros, excepto aos suevos.
Estes, pola súa banda, organizan o Regum Suevorum coincidindo aproximadamente cos límites da Gallaecia romana (máis ampla que a actual, xa que chegaba polo sur ao Douro e polo leste ao Pisuerga, máis ou menos), territorio que goza de estabilidade política e económica ata o 585, cando o seu territorio é asimilado polos visigodos.
Case que dous séculos de vixencia para un reino que acuñou moeda, creou un sistema administrativo territorial que perdura ata hoxe (Parrochiale Suevum), desenvolveu un estilo arquitectónico e artístico singular,… E pese a ser asimilado no VI polo influxo visigótico, seguiu conservando certa singularidade e excepcionalidade fronte a aqueles: cando no 711 é liquidada a monarquía visigótica e os musulmáns entran na Península, os recén chegados perciben o territorio da antiga monarquía sueva (e polo tanto tamén da Gallaecia romana), como unha entidade diferente á visigoda.
A invisibilidade do reino suevo en Galicia (ao igual que a xurisdición franca de Cataluña) fronte á monarquía visigótica non é máis que unha moderna distorsión que zumega ideoloxía por todos os seus poros. A Historia non existe, a Historia a constrúen os historiadores, e a polémica do visigodo versus o suevo é un claro exemplo.
A tradición historiográfica vixente retrotráese ata o século XIX, período de afirmación e consolidación do Estado-Nación de España. Historiadores como Sanchez-Albornoz ou Menéndez Pidal contribuíron a forxar o espírito e o talante “do español” a partir da exaltación de relatos históricos como poden ser o mundo visigodo ou a reconquista e a repoboación.
Esta mesma semana, varios medios de comunicación recuperaban unha vella imaxe de Aznar caracterizado como o Cid Campeador. Creo que é outra cara da mesma moeda, neste caso a cara máis patética e histriónica. O noso ex aparece disfrazado de Rodrigo Díaz de Vivar, pero perfectamente podería ir de Pelayo ou de Leovigildo.
Se agora as cousas están así, como será cando entre en vigor a LOMCE. O tufiño españolista que desprende a interpretación historiográfica da Idade Media peninsular xirando en torno ao mundo visigótico, pódese volver un cheiro mareante nuns anos. O pasado como xeito de xustificar o presente.
Quizais nun futuro próximo, nos libros de texto contarase como nunha escavación arqueolóxica por terras castelás, recuperouse o corpo miragrosamente incorrupto do Cid, e oh, sorpresa!, os científicos inferiron que non usaría cota de malla xa que os seus turxentes pectorais e os seus abdominais de aceiro protexíano das infieis cimitarras musulmás. O que non lles quedaría tan claro a eses estudosos se baixo o labio superior existiu algunha vez un pequeno mostacho, ou só un velcro para un bigote de quita e pon.
31 maio 2013