Cando asisto á presentación dalgún centro de interpretación, aula didáctica, museo, etc, sempre temo o peor: entrar nun gran videoxogo no cal hai que empurrar pancas, cheirar aromas, pulsar botóns en paneis para que se acendan e apaguen luces,… Isto último si que me gusta, síntome un pequeno deus: teño a potestade e a omnipresencia de condenar á escuridade máis absoluta aos poboados da Idade de Ferro dunha comarca, mentres que a miña divina maxestade regala a luz aos habitantes do mesmo territorio da Idade de Bronce, que, por outra banda, sempre me caeron mellor.
Esta profunda reflexión ven a conto por que hai uns días asistín ás I Xornadas do Patrimonio Industrial de Rande, relatorio que serviu ademais para presentar en sociedade o proxecto MEIRANDE (Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande). Aínda que o espazo en si non está aberto (creo que se baralla o mes de maio para a súa inauguración), o visto nun documental que nos proxectaron e o escoitado nas charlas dos relatores, rapidamente enganchoume: falaban de persoas, e non de batallas, fábricas ou cargadoiros. Falábase de xente en pasado, pero tamén en presente e futuro.
O elemento vertebrador de Meirande semella ser a paisaxe cultural da enseada de Rande, un territorio que a longo dos séculos acolleu xentes con diferentes xeitos de relacionarse co seu espazo físico. Non vai ser un centro de interpretación da batalla de Rande, ou da industria da salga, ou da industria do volframio, senón que se falará da relación da xente con todos eses acontecementos que marcaron o devir da enseada de Rande. Escoller este discurso como fío condutor do Meirande parece un gran acerto.
Nestas xornadas tamén falouse de cohesión social, e este concepto sooume a verdade, pareceume honesto. En proxectos culturais semellantes é habitual usar esta expresión, ao igual que outras que dan un verniz social e progre ás propostas (canto visten as verbas “empatía”, “sinerxías”,…! Non hai proxecto que se prece no cal non aparezan estas expresións), pero aquí é crible, convenceume, non me pareceu unha pose.
Un relator falaba como na actualidade desapareceron elementos simbólicos nas paisaxes que dan cohesión ás sociedades contemporáneas (quizais esqueceuse dos novos templos do século XXI, como os campos de fútbol ou centros comerciais); ata hai poucas datas eran recoñecibles elementos que identificaban e unían ás comunidades.
No Meirande tratouse de rescatar esa identidade común que se agochaba tras séculos de abandono e moreas de silvas e broza. Moita xente traballou na fábrica do alemán, ou fíxoo noutras conserveiras, ou faenou no mar,… e senón sempre hai un irmán, un veciño, un coñecido, unha nai: hai milleiros de vidas (presentes ou xa ausentes) relacionadas coa enseada de Rande. Sorprende que incluso chegaron ata os nosos días os ecos da batalla dos galeóns en forma de lendas ou outras tradicións orais.
É un proxecto parido dende abaixo, pero cuns potentes e rigorosos alicerces conceptuais. Parabéns a Xurxo Constela e a ADC Rande, como cabezas visibles da moita xente que se ilusionou e traballou no proxecto.
1 abril 2013