Eu isto xa o vivín… Unha equipa de arqueoloxía atopa no subsolo da cidade restos dunha importancia arqueolóxica e histórica excepcional. Rapidamente, un coro de voces nas que se mesturan polític@s, persoal da administración, arqueólog@s, concordan da singularidade do achado, da súa importancia para o coñecemento histórico da cidade, do fundamental que é coñecernos mellor como sociedade. De seguido, nas semanas seguintes as noticias sobre o descubrimento ocupan os xornais da cidade. E finalmente, uns meses despois, unha vez rematada a escavación e a documentación do achado, os restos desmantélanse (eufemismo que agocha unha destrución controlada con metodoloxía científica e baixo o paraugas da legalidade) e nesa parcela iníciase a construción dun edificio ou dun aparcadoiro. E outra oportunidade perdida.
Vivimos na cidade dos dinosetos, das fachadas e medianeiras pintadas por obra e gracia do Concello de Vigo: ese é o modelo cultural que se está a promover dende a administración local. Namentres estanse a descubrir, ano tras ano, restos do noso pasado que non só aportan coñecemento, goce e sentimento de pertenza á sociedade viguesa, senón que poden ser a nosa marca cultural como cidade; unha real, non unha inventada, banal e pueril como un dinosauro feito en sebe.
Estamos matando pouco a pouco a galiña dos ovos de ouro. O avance do coñecemento histórico da cidade nos últimos anos deu un salto adiante non só cuantitativo, senón tamén cualitativo. Organízanse exposicións, grupos de traballo e congresos que xiran ao redor do Vigo romano, e baixo os nosos pés agóchase unha riqueza cultural incrible. Hai uns poucos anos no subsolo de Rosalía de Castro apareceron os alicerces dunha construción que foron interpretados como o primeiro templo cristián que existiu na cidade -alá polos séculos VI ou VII d.C-, anterior incluso á igrexa románica erixida no soar hoxe ocupado pola Colexiata. Outro exemplo: periodicamente seguen exhumándose restos do complexo conserveiro que existiu no vicus romano (saíñas e factorías de salga) entre os séculos II e III d.C.
E cal é o destino destes restos na maior parte das veces? A súa destrución física (controlada, unha vez que @s arqueólog@s fan a súa autopsia) e a transmutación duns restos reais e tanxibles a un universo de informes, memorias técnicas, ou recreacións virtuais.
Hai solucións legais para evitar esta destrución do noso patrimonio, pero fan falta dúas cousas: cartos e vontade política da administración local. Cartos para posibles indemnizacións e compras de soares que actualmente están en mans privadas, semella que existen. O programa de decoración de medianeiras xa leva gastado ao redor do millón de euros (0,3 en 2015, 0,2 en 2016, e a previsión para 2017 é de 0,5 millóns de euros), e nos orzamentos de 2017 destínanse 2,5 millóns de euros para a promoción de liñas aéreas no aeroporto de Peinador, no contexto da absurda guerra de ver que político a ten máis grande (a circulación aérea, claro). Deste xeito, os cartos non deberían ser un problema; o problema é como se están a gastar, o concepto de cultura que nos queren impoñer dende a Praza do Rei.
Polo tanto, o problema é só de vontade política. Hai unha clara aposta por un modelo de cidade baseado no crecemento económico e urbanístico (semella que non entendemos nada despois da crise de 2008), no cal o espazo que ocupa o patrimonio cultural é anecdótico, e sempre tinxido dun discurso infantilizado: o caso do Dinoseto (e familia) é paradigmático. Un urbanismo ao servizo do consumidor e do turista, non ao servizo da cidadanía.
31 decembro 2016