Baixan revoltas as augas nos ámbitos da arqueoloxía e do patrimonio cultural na Comunidade Autónoma de Madrid. Para quen non o saiba, estase a voltas coa aprobación dunha nova lei de patrimonio cultural que substituirá á vixente do ano 1998; en abril deste 2013, xa foi aprobado o anteproxecto no parlamento.
O seu articulado está a levantar moitas protestas, xa que se lle acusa de favorecer a desprotección do patrimonio e fomentar as prácticas especuladoras, adelgazando o papel da administración fronte á iniciativa privada. Dende logo, que susceptible é a xente, pensar neste tipo de praxis na Comunidade de Madrid !!!
Ao comezar a leer o anteproxecto, parecen esaxeradas as críticas que está a recibir: na súa Exposición de motivos, fálase de axilizar trámites administrativos, de buscar coherencia entre medio ambiente, urbanismo e patrimonio cultural, de actualizar unha vella lei xa desfasada,… pero logo no desenvolvemento do articulado xa desaparece ese verniz progresista e o lexislador amosa a súa verdadeira cara.
Hai artigos verdadeiramente sangrantes, que si ben de iure non supoñen un desentendemento do patrimonio cultural por parte das administración públicas, si o fan de facto.
No artigo 15.1, no que se fala das iniciativas sometidas a procedementos ambientais, pódese leer que “…Los promotores públicos o privados, que acrediten su condición de interesados en iniciativas sometidas a procedimientos ambientales podrán elevar consulta previa a la Consejería competente en materia de patrimonio histórico a los efectos de determinar los bienes de dicho patrimonio que pudieran verse afectados…” (Por favor, se está a ler esta entrada do blog un promotor inmobiliario ou alguén dunha empresa concesionaria de explotacións mineiras, proceda a substituír o “podrán elevar consulta” castelán polo “se lles sae do carallo preguntarán” en galego).
Outro aspecto moi controvertido é o dos silencios administrativos, e un exemplo son os artigos 15.2 e 15.3 que parecen estar feitos a mala baba. Resulta que si ti, oh amigo promotor, presentas un proxecto que afecta á normativa ambiental, urbanística ou de estratexia territorial, a administración está na obriga de resolver o expediente nun prazo máximo de 30 días hábiles. Pero o que xa é de traca que si non se resolve neste prazo, o silencio administrativo sería positivo, favorecendo a iniciativa privada fronte ao interese público. Ben, isto poden ter sentido por que en Madrid (e no resto do Estado) están a aumentar os funcionarios e haberá máis persoal para… Ah non!, que isto é nos países escandinavos, aquí non paran de facer recortes nas administracións.
Imos con outra. No artigo 26.1 dise que “…los municipios en que se encuentren Bienes de Interés Cultural declarados en las categorías a que se refieren los apartados b), c), e) y g), podrán redactar un plan especial de protección del área afectada....”. Substitúa de novo o lector o “podrán” pola expresión proposta en liñas anteriores, e comprenderán que este artigo, de feito, supón a eliminación dos Plans Especiais urbanísticos que protexen o patrimonio público.
Outra máis, a última, que tampouco quero ser pesado. Artigo 31.2: “...Los bienes muebles descubiertos como consecuencia de intervenciones arqueológicas o paleontológicas, de remociones de tierras, de obras, por erosión o por azar, tendrán la consideración de bienes de dominio público...”. E pregúntome eu: que pasa cos bens inmobles?
Poñamos un caso. Un labrego de Alcorcón, plantando patacas na súa leira, atopa unha moeda de Trajano. Ben, ese achado sería de dominio público. Pero se baixo a moeda de Trajano (ben moble) atopamos un anfiteatro (ben inmoble), iso xa non é de dominio público. E quen di paisano na súa leira, di gran promotor dun macrocentro de ocio e turismo…
Rumoréase que en Galiza estase a traballar sobre unha nova lei de patrimonio que substitúa á vella de 1995. Hai quen xura haber visto nos corredores de San Caetano, confundíndose coas sombras, a pantasma (política) de Esperanza Aguirre.
16 maio 2013