Todo o que cheire a paleolítico está de moda: Atapuerca, Cova Eirós, o alcalde de Valladolid…Neste contexto de nostalxia do pasado, o último grito das dietas (tras a da alcachofa, a Dunkan,…a do cucurucho -perdón polo meu eu groseiro que aproveita calquera fenda para asomar-,…) é a denominada paleodieta. Resumidamente, consiste en inxerir só os alimentos que poderían estar ao alcance da humanidade paleolítica (excluíndo polo tanto cereais, lácteos elaborados, legumes, etc).
Abundando máis na nostalxia dun pasado xa fuxido, algúns ximnasios ofrecen un adestramento paleolítico (paleotraining, para os que sexades modernos) co que poder conseguir uns abdominais e bíceps que serían a envexa de todas as covas da contorna. Esta é a tontuna na que está sumida a especie humana: mentres media humanidade morre de fame, a outra media tolea polos quilos de máis que adornan as súas cadeiras.
É curiosa esta moda. Penso que a arqueodieta ou o paleotraning son unha adaptación postmoderna do tópico decimonónico do “bo salvaxe”, aquela evocación idílica e ideal das sociedades antigas. Nese tempo pretérito tan puro e natural, a dieta o exercicio físico tamén serían paradisíacos. Claro está se deixamos a un lado as realidades incómodas que a ciencia empéñase en presentarnos: está demostrado o consumo de prea no Paleolítico por parte dos nosos devanceiros, o que nos coloca ao lado de voitres ou hienas, así como a inxestión de carne humana. Se seguimos ao pé da letra os costumes culinarios do Paleolítico,… veriádesvos capaces de dar un bocado nunha perna á vosa cuñada na cea de Nadal? (Ben,…umm…, era unha pregunta retórica).
Tampouco o modo de vida debía ser o máis san do mundo, a tenor das moitas mortes violentas que se teñen documentado na arqueoloxía prehistórica.
Neste blogue tamén somos moi fans do Paleolítico, pero imos máis aló. Creemos que a chegada da agricultura e a sedentarización no Neolítico estragouno todo: supuxo o xurdimento de excedentes e de xerarquías sociais, desigualdades, etc, e a partir de aí, milenios despois, o desastre para a Terra.
Non houbera sido mellor para o planeta que a especie humana non houbera pasado nunca dun estadio paleolítico? Ou para ser máis melodramáticos…, non tería feito un bo negocio a Natureza extinguíndonos cando aínda estaba a tempo?
Para a miña sorpresa, resulta que esta idea non é orixinal, senón que hai quen dende hai moitos anos xa avoga pola desaparición da especie humana da face do noso planeta. Existe un… Movemento pola extinción voluntaria da especie humana!!!, que leva anos dando guerra. E sen ir moi lonxe, Siniestro Total xa pensaban o mesmo nos anos 80 (lembrade aquelo de Pueblos del mundo extinguiros,…). Deixade de ver páxinas con gatiños facendo cousas raras e a partir de agora centrarvos neste tipo de webs que fan proselitismo da extinción da nosa especie, que as hai e moitas. E xa sabedes, a extinguirvos, que o planeta volo agradecerá.
27 agosto 2014