4x11 #RadioManoplas: "A bandeira vermella"

O undécimo programa da cuarta tempada é un especial que leva por título "A bandeira vermella".

Recuncamos cunha nova historia sobre Coia. Guiadas pola voz de Noa Covelo Lores, achegámonos a comprender como unha das tantas parroquias rurais da cidade transformouse -en moi pouco tempo- nun barrio ateigado de cemento e torres de edificios. En pouco máis de oito minutos percorremos as loitas e resistencias dunha veciñanza que aprendeu que a mellor forma de enfrontarse aos abusos dos poderosos era xuntarse para crear vida en común.

Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.

GUIÓN: A BANDEIRA VERMELLA

Marisa Andrade Pérez, veciña da Coia tradicional, lembra que cando ela era pequena - onde agora está o parque de A Bouza- viviu a seguinte historia nos anos da ditadura franquista:

[...] Pois apareceu unha bandeira. Unha bandeira vermella, unha bandeira. Non sei se comunista, unha bandeira. A min chamoume a atención. Entón eu dixen había unha bandeira aí! Entón meu pai mirou e dixo, ah! Pois si, si. Dixo iso é unha bandeira de resistencia. Entón eu non sabía moi ben, el dixo é porque é o primeiro de maio meu pai explicoume. É porque é o primeiro de maio, realmente é unha data moi especial e tal. Pero non te preocupes vana quitar, vana quitar. Efectivamente quitárona, pero ao ano seguinte volveu a aparecer a bandeira. Entón eu todos os primeiros de maio ía correndo a ventá a ver se había bandeira ata que un ano xa non houbo bandeira pero bueno. Houbo bandeira uns cantos anos e foi unha cousa moi simbólica e moi simpática […] (1)

Coia cambiou moito desde aqueles días. Cando Marisa era nena, o barrio era aínda un entorno rural, con campos e casas espalladas. A vida estaba ligada á terra, pero todo iso rachou a finais dos anos 60. O que fora unha parroquia rural, en pouco tempo, converteuse nun polígono de vivendas para a man de obra que viña do agro galego, chamada pola industria que medraba na cidade como Citroën, Vulcano, Barreras...

As máquinas chegaron de súpeto e, con elas, desapareceu a vida de antes. Abríronse rúas, levantáronse torres de edificios sen respectar apenas nada do que existía. As leiras deixaron paso ao cemento, e as torres altas acolleron centos de persoas, pero sen servizos axeitados.

[...] y nos encontramos aquí un barrio totalmente desahuciado. Porque aquí se construían las viviendas para recuperar la fuerza de trabajo, pero como si fuésemos un animales. No había otro tipo de alternativa. Aquí no había nada de nada de nada […] (2)

A pesar do golpe, a dignidade da veciñanza reapareceu. Fronte á falta de respostas, a xente de Coia uniuse para loitar por unhas condicións de vida dignas: esixían alumeado, redes de sumidoiros, escolas, parques, semáforos... As primeiras demandas que, con forza e solidariedade, foron tecendo lazos comunitarios e creando unha identidade.

Con anos de loita e tamén de festa, chegaron as conquistas. Quizais a máis querida sexa a da Bouza, salvada da especulación para converterse nun espazo verde, un pulmón para o barrio.

Pero antes desa vitoria, Coia foi golpeada duramente pola droga, que arrasou cunha xeración e encheu de medo e dor as súas rúas. Unha ferida que tardaría moito en pechar.

Co paso do tempo, as condicións melloraron. Pero sempre foi a base de loita, de reivindicación. Malia isto, moitos fogares seguían sufrindo a precariedade, estirando os cartos para que o mes non se fixese interminable. Os anos pasaron, pero as inxustizas non desapareceron.

[...] estuvimos dos días enteros sin agua y nos la cortaron. Nos llegó el papelito la semana anterior y no nos dio tiempo a pagarla porque nos coincidió el fin de semana en el medio. Fue un lunes por la mañana pero a primera hora, o sea los niños estaban recién levantados, no nos dio tiempo ni a preparar desayunos […] (3)

A veciñanza máis castigada volveu tomar as rúas para esixir algo tan básico como unha vida digna. E nese contexto, aparece a vontade dun alcalde que pensou que poñer un barco nunha rotonda do barrio, tirando centos de miles de euros, era unha boa idea para se manter no poder. Lonxe de festexar esta proposta, a xente tomou a rotonda e parou as obras durante semanas, até que a policía chegou con man dura para cumprir coas ordes dos poderosos.

Ao final, o barco está na rotonda, si, e mesmo o inauguraron. Pero o que quedou non foi ese barco. O que quedou foi a dignidade da veciñanza que, unha vez máis, soubo unirse, buscar respostas por si mesma e seguir tecendo redes para enfrontar as dificultades destes tempos de penurias para a maioría.

Esta é a última, pero non a derradeira mostra de dignidade dun barrio que sabe que, xuntas, podemos crear vida.

- - -

(1) Marisa Andrade Pérez

(2) Emilio Suárez Corujo

(3) María José. Audio extraído de “#Augaparatodas” vídeo da ODS-Coia elaborado por Galiza Contrainfo > https://www.youtube.com/watch?v=7LJMrXZjiuo

Locución: Noa Covelo Lores  |  Guión e edición: Radio Manoplas  |  Músicas: “C.O.I.A”, El Puto Coke feat Frank, Pow & Ostia Padre e “As Matas”, Sobre Rodas