Nada es lo mismo, nada
permanece.
Menos
la Historia y la morcilla de mi tierra:
se hacen las dos con sangre, se repiten.
(Ángel González, Glosas a Heráclito)
13 de setembro de 1923. O Capitán Xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, lidera un golpe de estado co beneplácito de Alfonso XIII e as bendicións das oligarquías, a burguesía e a Igrexa. A única oposición aparecerá nas filas da CNT e do Partido Comunista, mentres que o resto de forzas políticas colaborarán no novo réxime. Primo de Rivera presentarase ante a opinión pública como o “cirurxián de ferro” que solucionará os problemas de España (o separatismo catalán, o problema de África, o caos económico, a corrupción política…).
A súa puñada na mesa será o último episodio -máis ben a consecuencia-, da disolución do sistema canovista de quendas, parida coa Constitución de 1876, mediante a que se alternaban sucesivamente no poder o Partido Conservador e o Partido Liberal, baixo o arbitrio da coroa borbónica. Un sistema que levaba no seu ADN o xerme do caciquismo e a corrupción, como ben se demostrou co paso dos anos.
Ante o esgotamento do sistema, a principios do XX xorden novas caras e novos modos, aínda que a podremia xa devorara a medula do sistema. A década dos anos 10 será moi convulsa a todos os niveis (social, territorial, económico,…), e xorde un novo partido, o Reformista de Melquíades Álvarez, que pretenderá facer renacer as esperanzas democratizadoras en base a varios puntos:
(1) Reforma da Constitución.
(2) Soberanía popular e limitación do poder da coroa.
(3) Recoñecemento das Autonomías.
(4) Secularización do Estado.
(5) Reforma ou desaparición do Senado.
Este movemento rexeneracionista fracasa, e, unha vez máis, os militares (co apoio das clase privilexiadas), fanse co poder no Estado.
20 de decembro de 2015. De verdade somos tan inxenuos como para pensar que as oligarquías e o capital facilitarán un Rexeneracionismo 2.0, rematando co sistema de quendas dos partidos constitucionais?
24 decembro 2015