E eu que pensaba que estas cousas xa non pasaban…. Home, a estas alturas de partido daba por sentado que o de poñer somieres metálicos pechando as leiras, ou facer engadidos de ladrillo e uralita en vivendas rurais xa estaba superado. Pero non; sempre se pode dar unha volta de torca máis, sempre se pode mellorar.
Cóntovos: no concello ourensá de San Cibrao das Viñas, restaurouse unha ponte medieval (catalogada como Ben de Interese Cultural) cun particular sentido da estética, por dicilo dun modo suave (Podedes ver as noticias aquí, aquí e aquí).
Facemos chacotas e rímonos moito do Ecce Homo de Borja, pero por desgraza nós non estamos moito mellor. Que mágoa que xa pasaron os carnavais, o disfrace de ponte de San Cibrao o ía petar… Como é difícil describir como foi a restauración, poño un par de fotos.
Qué, a que mola?
Pero o que non ten desperdicio son os comentarios dos diferentes “actores” desta traxicomedia, recollidos na prensa. Vamos con eles:
- O arquitecto municipal: “… Non podemos pretender que as pedras recentemente cortadas sexan iguais que as da ponte…”.
- O alcalde popular: “…A pedra, en pouco tempo, escurecerá…”.
- A portavoz do grupo socialista na oposición: “… Deberían de por pedra máis vella acorde coa paisaxe…”.
Eu, no meu afán de aportar algo ao debate, propoño alternativas á restauración que se está a perpetrar:
1ª. Azulexar toda a ponte.
2ª Directamente tirala. Total, é inoperante: se non poden pasar coches e hai que poñer peitorís para que non caída a xente, non sei para que a queremos. Así facemos unha nova.
Se é verdade, como di o alcalde, que a Xunta xa coñecía os detalles da restauración, a máis dun en Santiago débenlle estar a saír as cores.
Fóra bromas, a lexislación é moi clara ao respecto. Segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, as actuacións que estarían permitidas nun B.I.C. (lembremos que é a figura lexislativa que confire o maior grao de protección posible ao ben en cuestión) serían aquelas que van encamiñadas a súa conservación e mellora.
Entre os criterios técnicos que establece a lei, textualmente alúdese a que “…respectaranse as características esenciais do (ben) inmoble…”, “… conservaranse as características volumétricas e espaciais definidoras do inmoble…”, “… evitaranse os intentos de reconstrución agás nos casos en que a existencia de elementos orixinais así o permita…” ou “… non poderanse realizar adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica…”.
Pero vós, urbanitas, non pensedes con aires de superioridade que isto é un atraso propio da Galicia rural e profunda. Por poñer un exemplo do meu entorno inmediato, na cidade-estado de Vigo a sensibilidade que se amosa polas nosas pontes medievais non é moita maior (ou sexa, ningunha).
Unha, a ponte de Balaídos está pechada por un enreixado de ferro, non se sabe ben si para impedir que a xente entre nela ou para impedir que a ponte escape correndo. A outra, a de Sárdoma, morta de asco e rodeada de asfalto e fábricas.
Falando de feismo, non podo resistirme a poñer esta foto. Nunca vos sucedeu que non podedes deixar de contemplar algo, cunha sensación entre a repulsión e a atracción? A foto é bastante mala, fíxena co móbil, pero cando o vin non o pensei: parei o coche e tirei a foto. Que carallo fai un barco á beira dunha estrada? Se colledes a vía de Baiona a Mougás, recentemente arranxada, saberedes de que estou falando.
1 marzo 2013