Nas sociedades actuais, a relixión constitúe unha esfera pechada, ao marxe dos outros ámbitos da vida. Nós imos a misa os domingos, e o resto da semana comportámonos coma uns pecadores de la pradera. Temos moi claro cales son os espazos e os tempos sagrados, e sabemos perfectamente separar as diferentes esferas da nosa vida: por un lado va o noso eu relixioso e por outro camiño distinto o resto das personaxes que habitan en nós.
De todos os xeitos, aínda perduran reminiscencias dun pasado máxico e supersticioso. Cando xurde un problema e invocamos á divinidade, non apelamos a Deus con maiúsculas, somos prácticos e temos un santo para cada cousa: San Benitiño para as verrugas, a Nosa Señora da Lanzada para favorecer a fecundidade,… Son as derradeiras rabexadas do noso pasado politeista.
Retrocedamos dous mil anos. Nas comunidades tradicionais, polo tanto tamén nas comunidades da Idade de Ferro, a cousa non sería así: o cotián mesturaríase co trascendental, coas crenzas, cos cultos… Neste sentido, calquera acción, calquera lugar, calquera feito podería desembocar nunha práctica cultual ou ritual.
A partir dos datos históricos cos que contamos, podemos agrupar os ámbitos usados polos antigos galaicos para os seus actos cultuais en dous grandes bloques contrapostos: espazos exteriores dos poboados (onde a natureza non se atopa domesticada), e espazos no interior dos poboados (espazo humanizado e civilizado).
Nos ambientes naturais, un santuario pode ser calquera espazo que por vontade dunha comunidade adquire condición sagrada. Poden ir dende construcións máis ou menos estruturadas (Cabeço das Fraguas, Barbantes, Panoias…), a lugares abertos con especial significación cultual (Facho de Donón, Larouco,…).
Posteriormente, a romanización da sociedade castrexa non impediu que as comunidades indíxenas continuaran venerando os seus deuses indíxenas en espazos tipicamente prerromanos. É o caso do Facho de Donón, onde no século III d.C. sobre as ruínas do vello castro xa abandonado, se levanta o santuario dedicado ao deus Lar Bero Breo. A chegada dos romanos foi fundamental para o coñecemento do panteón indíxena: coñecemos nome de deuses como Bandua, Reve, Coso, Nabia,… grazas ás inscricións en latín.
A maiores destes espazos naturais, no interior dos castros tamén existen zonas con significación ritual.
En castros como monte Mozinho, ou San Cibrán de Las, a área central e máis elevada do poboado está libre de vivendas; son zonas rituais onde se levarían a cabo banquetes cerimoniais, actividades comunais,…
As propias defensas do castro (murallas, foxos,…) tamén terían connotacións cultuais ademais das evidentes funcionais. A aparición de restos arqueolóxicos de especial significación nas terras sobre as que se erixen as murallas poderían estarnos a falar de ritos fundacionais vinculados á construción dos castros.
Tamén dentro dos poboados, ademais dos espazos sen vivendas destinados a actividades rituais, habería unhas construcións individuais con significado ritual, situadas case sempre en áreas marxinais dos castros: as saunas.
Ao norte do río Douro, no tramo portugués, coñécense varias en bo estado de conservación, e teñen as chamadas “pedras fermosas”, grandes laxes monolíticas con profusas decoracións, que separan a zona da cámara da antecámara. O acceso a estas saunas posiblemente estivese restrinxido a certos membros da comunidade ou a certos grupos da poboación, e entrar nelas debería ser unha experiencia sensorial moi sorprendente: espazos moi escuros e semisoterrados, sensación de calor e humidade, cheiro a vapor e suor,…
Non se coñecen necrópoles (xa foran de incineración ou inhumación) de época castrexa, e pénsase que quizais tivesen rituais funerarios relacionados coas augas. Localizáronse materiais “nobres” castrexos (puñais, espadas, machados votivos,..) ao facer dragas en ríos e lagos. Posiblemente estes achados poderían estar relacionados con deposicións acuáticas de tipo funerario.
Mil e pico de anos despois de que languidecera a cultura castrexa, Santa Teresa dixo aquilo de que entre os pucheiros e as potas anda Deus…. É domingo, ide a misa, que mañá xa poderedes pecar con tranquilidade.
9 decembro 2012