Estamos sen dúbida ante unha das lendarias sentenzas que marcaron o devir do pobo galego, posiblemente dende tempos inmemoriais. Se obra de Castelao foi xusta merecedora de seren declarada Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial, esta frase non debería ser menos.
A inocente –aparentemente- pregunta ten unha clara finalidade. O inquiridor sinte a irrefreable necesidade de encadrar ao ruborizado aludido na súa cosmogonía particular: saber de quen é fillo e neto, facer un veloz repaso mental de imaxes, vivencias, liortas, vodas e conflitos,… en fin, situar no seu universo inmediato a ese individuo (e a súa familia), que a estas alturas xa se sinte espido e vulnerable. Pese ao incómodo da pregunta, o pasado desa persoa –xunto ao seu clan ou familia-, condiciona a súa actual presenza no mundo e a relación cos seus semellantes.
Se abrimos o foco e variamos un pouco o sentido da pregunta, xurde unha cuestión de máis difícil resposta: e nós,… de quen vimos sendo?
Ata hai pouco, na Galicia rural, non había maior inquedanza por estas disquisicións metafísicas: éramos cristiáns, en contraposición aos mouros –outro día falaremos deles-, aqueles seres que vivían baixo terra, nun mundo telúrico e descoñecido. Hoxe en día, os mouros foron arredados e regresaron co rabo entre as pernas ás profundidades en espera de tempos mellores, e cambiaron as tornas. Agora, o lugar común é que somos descendentes dos celtas.
Pero, quen eran os celtas? É verdade que foron os nosos devanceiros?
Temos que comezar aclarando conceptos. O primeiro, ineludiblemente, é definir que entendemos por “celta”. Os celtas, dende un punto de vista histórico, eran un conxunto de pobos (é máis correcto referirnos a “pobos célticos” e non a “pobo céltico”), bastante heteroxéneos, pero cuns mínimos denominadores comúns: lingüística, relixiosidade, organización socioeconómica,… Habitaron a Europa central ao longo do primeiro milenio a.C., e esa gran continuidade no tempo e a súa ampla difusión territorial fan que haxa que ser moi prudentes á hora de referirse aos “celtas” como si dun único grupo étnico se tratara.
"Agora que xa os temos situados no tempo e no espazo, abramos a porta á polémica: de verdade habitaron os celtas os castros do noroeste peninsular?
Dende unha óptica arqueolóxica parece bastante claro que nunca houbo unha “invasión celta”. O rexistro material – e dicir, os restos que atopamos nas escavacións arqueolóxicas- non marca rupturas apreciables entre a Idade de Bronce e o comezo da cultura castrexa; non hai pegadas arqueolóxicas da chegada de grandes grupos de poboación, senón que as sociedades locais foron evolucionando por dinámicas internas ou por puntuais contactos externos (neste últimos anos, a investigación arqueolóxica esta enxergando cada vez con máis claridade a presenza en solo galaico de pequenos emporios comerciais púnicos, dotados incluso de lugares de culto para as súas divindades orientais). O mito do celtismo galego se afianza (aínda que xurdira con anterioridade, na época da Ilustración) na segunda metade do século XIX, no contexto da historiografía romántica, co fin de dotar ás nosas terras duns antepasados gloriosos e puros, implantando unhas sinais de identidade que marcaran nítidas diferenzas co resto da poboación peninsular (particularmente de Castela). Ademais, servía para estender lazos cara a outros pobos atlánticos (bretóns, escoceses, irlandeses,…) tamén aplacados por potencias centrais. Foi así como o mito do celtismo fíxose dogma, sendo agora un caixón desastre no que se mesturan moitas cousas: simboloxía presuntamente celta (trisqueis, esvásticas,…), música folk, tradicións, etnoloxía,… O concepto do “celta” é moi difuso, e quizais non o entende igual un arqueólogo, que un lingüista, que o gran público.
"De todos os xeitos, é xusto dicir que a cuestión sobre o caracter céltico da Idade de Ferro galega non está de todo resolta. Aspectos como a celticidade dalgúns topónimos, os influxos célticos no galego, ou o culto ao deus Lug fan que posiblemente esteamos ante unha realidade moi complexa para ser resolta con un celtas-si ou celtas-non.
Pero volvamos á cuestión inicial: entón,… de quen vimos sendo? Pois nin máis nin menos que fillos do mestizaxe: aos alicerces dos orgullosos castrexos –co sempre polémico verniz dos bravos curmáns europeos-, sumáronse as pegadas dos paisanos tardorromanos e dos inmigrantes suevos -pobo inxustamente tratado pola Historia-,… e así ata o día de hoxe. Isto é o que hai: tataravós cun interese histórico excepcional, mais sen o glamour e a épica que aderezaban aos bardos das idades e aos fillos de Breogán.
13 novembro 2012