A Historia non é algo que exista, é algo que se constrúe. O que pasou, xa pasou, non hai volta atrás. O único que nos queda é tratar de facer unha reconstrución baseándonos nas fontes históricas das que dispoñemos, sexan documentais, gráficas, arqueolóxicas,… E a partir desas fontes, mal que ben, os historiadores constrúen a Historia.
Hai historiadores pouco prolíficos, e outros que semella que teñen unha máquina de facer libros. Entre estes últimos destaca Cesar Vidal, unha curiosa personaxe que habita o inframundo das TDT party, e que teño que recoñecer que me da algo de grima: parece brandiño, branquecino, deses que lles das a man e estreitas cinco morcilliñas fofas (digo todo isto por que de certo sei que se non lerá este blog nin de coña, senón evidentemente o poñía nos altares. Anda que non son eu ventaxista…). Ben, pois consultando a Wikipedia, vexo que escribiu máis dunha centena de obras (ao chegar a cen parei), e que nalgún ano escribiu ata… 20 libros!!! Case dous por mes !!!! Qué fenómeno… Aínda así, nada comparado aos quince mil libros que din que escribiu Kim Il-Sung (non sei se se trata de porca propaganda imperialista ou dunha absurda megalomanía norcoreana).
Pero me estou indo polas ramas. Dicía que dende un punto de vista académico, a Historia constrúena os historiadores, mais non son os únicos que teñen patente de corso para facelo. En sociedades non “academicistas”, o pasado tamén está aí, presente nas paisaxes, na relixiosidade, no día a día,… e hai que explicalo e encaixalo dentro do cotián. Como interpretar eses gravados nas rochas? Como interpretar iso que parecen casas feitas de grandes laxes e que están semisoterradas? Había necesidade de encaixar todo iso dentro da cosmogonía do campesiño, había que tentar de atopar un antepasado que fora o autor de todas esas construcións.
En Galicia, segundo a tradición popular, esas construcións (petroglifos, mámoas, castros, etc) foron realizadas polos mouros, nun tempo vello e esquecido: o tempo do mouros, unha época distante e escura cando as persoas aínda non eran cristiáns. Hai varios denominadores comúns en todas estas lendas: os mouros viven baixo terra, son gardiáns de fabulosos tesouros, non son cristiáns… As mouras –en contrapunto aos mouros, uns tipos máis ben baixos e feuchiños-, sonche altas e belas, e divírtense enfeitizando e seducindo aos campesiños.
Esta tradición aínda persiste nas nosas aldeas, tecendo un belísimo mundo fantástico paralelo ao real –por veces ambos poden confluír- mesturándose pitas de ouro, vacas, altísimas mulleres louras, labregos,… alterando a orde normal do espazo e do tempo campesiño. Deixo algúns exemplos de lendas mouras da zona de Redondela:
“No Castro, vivían mouras moi bonitas e con moito diñeiro”.
“Os mouros de Pazo ían a vender o seu gando, que vivía con eles baixo terra, á feira de Arcade”.
“Unha moura con forma de serpe, saíulle ao camiño a unha muller que ía para feira de Redondela, e pediulle que a desencantara”.
“No alto do monte da Mina hai unha moura que peitea os seus cabelos ao sol e saca os tesouros fora (da terra) que son de calderilla”.
16 abril 2013