Alicerces colleu un par de días de vacacións, e moi a pesar do seu acompañante visitou algúns bens culturais, entre eles dous castros nos que se fixeron senllos proxectos de revalorización, posta en valor, recuperación ou como diaño se chame arranxar un xacemento arqueolóxico, explicalo e axeitalo para a súa visita. Un deles foi o castro de Toiriz en Silleda, e o outro o castro de San Cibrán de Las (co seu Centro de Interpretación), en San Amaro. Dúas concepcións diferentes de recuperación, dous puntos de partida antagónicos, dúas visitas moi diferentes.
Castro de Toiriz é un pequeno castro nos arredores de Silleda que foi recuperado no ano 2010 por iniciativa veciñal, a través do Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz. Cunha intervención moi sinxela consistente na roza do monte e a instalación de varios paneis, conseguiron que o visitante comprenda perfectamente a estrutura dun poboado desta época: as terrazas, as murallas, o foxo, a croa,… E sobre todo, logrouse tender pontes entre as comunidades campesiñas que o habitaron hai 2.000 anos e a sociedade actual. Na narrativa dos seus paneis fálase de paisaxe, de vida,… fálase de xente como nos, só que esta xa desapareceu hai centos de anos deixándonos a súa vella aldea cuberta de metros de sedimentos.
Uns 50 quilómetros cara ao sur, xa na provincia de Ourense, está o gran castro de San Cibrán de Las, xunto ao Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa inaugurado hai poucas datas. A natureza do xacemento é moi diferente á do pequeno castro dezano: aquí estamos ante un gran poboado, cun urbanismo moi estruturado, e un gran desenvolvemento económico e probablemente social.
Tamén é moi diferente o punto de partida do proceso de recuperación. Fronte á iniciativa veciñal de Toiriz, San Cibrán máis o seu Centro de Interpretación xorden do gran proxecto da Xunta de Galicia nos anos 90 (non é unha errata, foi un parto tardío) de facer catro grandes Parques Arqueolóxicos, un por provincia.
E alá entramos (tras pagar 5 euracos) a ver o Centro. O continente (o edificio), gustounos por dentro, aínda que por fora xa é outro cantar. O impacto visual sobre o ben cultural é brutal. Se sodes dos que visitan un castro e gustades de transportarvos -mentalmente- vinte séculos atrás para ollar, sentir e pensar como un antigo galaico, aquí non o fagades: se miras cara o sur dende a croa, non verás os teus cultivos de millo miúdo ou chícharos, ou os teus veciños volvendo coas ovellas ao poboado ao atardecer; o que verás será un gran edificio gris, o Centro de Interpretación.
O discurso museográfico pareceunos aséptico, neutro, correcto dende un punto de vista histórico, pero, e é unha opinión, sen o menor indicio de emoción. Posiblemente o visitante abandone o recinto sabendo máis cousas sobre a cultura castrexa que cando entrou, pero falta emoción, bótase en falta tocar a fibra sensible do espectador, tender pontes coas vidas daquelas xentes. Non se trata só de aprender, senón tamén de gozar, de sentir que gusta a exposición que estás vendo. Entrar máis polo sentimento que polo intelecto.
Saímos do Centro de Interpretación satisfeitos pola amabilidade do persoal, pero coa sensación de que lle faltaba alma ao gran corpus de datos e coñecemento que ofrece a visita.
En resumo, David gañou novamente a Goliat. O gran proxecto promovido pola administración autonómica perdeu por goleada ante a iniciativa modesta, limitada e local de Silleda, na que se albisca moito cariño e implicación. E ademais, na zona do foxo do castro de Toiriz collemos castañas…
24 outubro 2014