Hai uns días falaba cun grupo de xente sobre o drama que están a vivir moitas persoas por non poder pagar as súas hipotecas, e a conversa desembocou nos manidos tópicos de que todo o mundo quería ser propietario, de que a xente vivira por riba das súas posibilidades, bla, bla, bla. A miña tese era que non se vivira por riba das posibilidades, senón que as posibilidades estaban aí e a xente as aproveitou. Cando a educación que recibimos os de mi xeración era que comprar (a calquera prezo, económico ou persoal) era mellor que alugar, cando os bancos regalaban os cartos para a hipoteca (e para o coche, e para a viaxe soñada, e para amoblar o piso,…), non se viviu por riba de nada, as posibilidades eran reais, e a sensación que había era de que se non as aproveitabas eras un necio. Naquela conversa eu trataba de explicar que non había que culpabilizar as persoas, senón que as responsabilidades habería que buscalas máis arriba.
Pero, como chegamos a ese ansia pola vivenda en propiedade? De onde xorde esa obsesión por ser donos en vez de inquilinos? Miremos atrás no tempo e viaxemos á España dos viaxes en avión a Londres para abortar, ao pais dos bispos orneando nos seus púlpitos, á España da brutalidade policial, á das oligarquías gobernantes, da emigración… Isto….Upss… Ben, deixémolo en que retrocedemos ata a España dos anos 60.
Nas dúas primeiras décadas do franquismo, a política de vivenda no Estado foi caseque inexistente. A construción de vivendas estaba en mans de particulares (practicamente de autoconsumo e sen apoio financeiro externo), mentres que o goberno non se ocupaba da construción de vivendas sociais. E cando o facían era para promover casas sindicais ou casas baratas, o chamado chabolismo planificado.
Na década dos anos 60, o réxime abandona as prácticas autárquicas e comeza, en materia de vivenda, unha fase de planificación, orientando as actividades privadas aos intereses duns fins macroeconómicos xerais. As dúas características principais que definirían este período serían o fomento da compra fronte ao aluguer e o enfoque da vivenda non como necesidade social básica, senón como forma de acumulación de capital.
A partir desta década comezase a asentarse na sociedade a idea de que a vivenda non é unha necesidade social básica, senón unha forma de acumulación de capital. Unha declaración de intencións en toda regra dun modelo social e económico que se instaurará no Estado nas seguintes décadas. Na exposición de motivos da Lei da propiedade horizontal de 1960 claramente se reflicte que o obxectivo primordial non é xeneralizar o valor de uso da vivenda, senón inducir a amplas capas da poboación á inversión dos seus capitais como único medio para conseguilo:“… A esencial razón de ser do réxime da propiedade descansa na finalidade de lograr o acceso á propiedade urbana mediante unha inversión de capital…” Respecto á dicotomía entre alugue e propiedade, nesta lei alúdese a que “..as disposicións legais en materia de arrendamentos urbanos non pasan de ser remedios ocasionais…”
A partir dos anos 60 a vivenda se convirte en mercadoría cuxa característica máis relevante é o valor de cambio, e a partir de aí o mantra de “compra que un aluguer é tirar cos cartos” foi quen de se converter nunha verdade absoluta. Daqueles pos…
14 abril 2014