O día 21 de xuño celébrase a festa de A Bouza no barrio de Coia, en Vigo. Ademais da troula, a convivencia e a reivindicación, haberá un intre para botar a vista atrás e escoitar o que nos teñen que contar persoas veciñas da Coia antiga (a parroquia tradicional anterior á construción do polígono de vivendas a principios dos anos 70). Achegarannos as súas vivencias como xentes que xa estaban no barrio antes de se converter no polígono: como viviron a súa construción, que trocos supuxo para eles o paso dunha parroquia tradicional a un barrio residencial, que botaron en falta en toda a transformación, como asimilaron a chegada de miles de persoas á súa parroquia…
Falarannos dese choque brutal que supuxo o desmantelamento da freguesía tradicional (a partir dos anos 60), e como en moi poucos anos cambiou o aspecto do barrio, pasando de ser unha zona netamente rural a un barrio urbano. Unha paisaxe que permanecera inalterada durante séculos da noite á mañá transformouse nunha cidade cidade-dormitorio.
O punto de partida deste cambio está no Plan Nacional da Vivenda (1961-1976), concretamente no desenvolvemento do Plan Parcial de Coya de 1963 que decretaba a expropiación de fincas rústicas e a súa conversión en solo residencial, co obxectivo de crear preto de 9000 vivendas. Séculos de existencia dun modo de vida rural quedaron de súpeto truncados por decisións políticas tomadas a moitos quilómetros de Coia: a construción dun polígono de vivendas no marco das políticas de desenvolvemento do tardo-franquismo.
Para a veciñanza da Coia “antiga” os cambios foron moitos e moi rápidos: construción de torres onde antes existían leiras, crecemento explosivo da poboación coa chegada de familias que viñan a traballar na industria viguesa, urbanización do espazo sen contar cos intereses dos habitantes…
A historia das loitas dos recén chegados por conseguir un barrio mellor é facilmente reconstruíble a través de novas da prensa, libros, testemuñas directas,… Pero, sabemos que pensaban os habitantes autóctonos de todo este proceso que lle deu a volta ao seu mundo e as súas vidas?
Ángel Vila, Manolo Pipas e Marisa Andrade, como parte da veciñanza da Coia anterior ao polígono, falarannos de todo isto. O faladoiro será no parque de A Bouza -na zona da carballeira próxima á rúa Cronista Rodríguez Elías- o día 21 a partires das 12:30 horas.
12 xuño 2014