Cinismo

A frase pronunciada por Abel Caballero no acto de homenaxe aos alcaldes fusilados durante o franquismo non ten desperdicio. O noso rexedor di que se sente orgulloso de suceder aos socialistas fusilados que loitaron pola democracia. Así, sen o máis mínimo rubor. Esta é a catadura moral do tipo.

Abril de 1931. A sociedade é consciente do trascendental das inminentes eleccións municipais, e os distintos axentes xa toman partido. Un exemplo claro na nosa cidade será o Faro de Vigo, que se define como “…monárquico de abolengo…” para evitar “… que la ola revolucionaria los envuelva y los sepulte en el caos…”.

O 12 de abril, data dos comicios, en Vigo dáse un empate entre as candidaturas monárquica e antimonárquica (republicanos, socialistas e agraristas), mentres que no resto do Estado as candidaturas republicanas conseguen o triunfo na maioría das cidades. O día 14 de abril, Alfonso XIII foxe tras redactar o famoso decreto publicado polo diario ABC (“… non renuncio a ningún dos meus dereitos, xa que máis que meus son acumulados pola Historia…” ), e se proclama a II República.

O 31 de maio, en Vigo convócanse eleccións parciais, e é elixido Enrique Blein Budiño (Izquierda Republicana) como primeiro alcalde dunha corporación xa republicana.

Febreiro de 1936. O cheiro a fascismo é abafante no Estado español e no resto do continente. Conscientes da necesidade de xuntar forzas, artéllase o Frente Popular (manifesto electoral común de partidos de esquerdas) para facer fronte ao crecente poder dunha dereita filofascista, encarnada na figura de Gil Robles. Froito desta confluencia de forzas, Martínez Garrido é proclamado alcalde. (Porén, unha cousa é predicar e outra dar trigo: xa sabemos como despreza e abafalla agora Abel Caballero ás mareas cidadás).

O 20 de xullo, Vigo súmase ao movemento de folga xeral tralo alzamento do día 18. Se declara o Estado de Guerra, e comeza a represión a mans do capitán Carreró. Esa tarde é detido o alcalde Martínez Garrido. Nos seguintes días, as barricadas nos Choróns e no Calvario tentan deter sen éxito o avance dos militares sublevados, e o 23 constitúese a Comisión Gestora Municipal presidida polo comisario de Guerra José Jiménez García, substituta da corporación democraticamente elixida.

A represión comeza dende o minuto un. Nos días posteriores ao golpe de Estado son encarceradas aquelas persoas sospeitosas de teren relación co Fronte Popular, e xa os primeiros días de agosto comezan as execucións sumarísimas. Martínez Garrido (alcalde de Vigo), Heraclio Botana (deputado socialista en Cortes) y Antela Conde (alcalde de Lavadores) son executados o 27 de agosto. Pola súa banda, Blein Budiño morre preso e enfermo a finais de ano.

Todo isto só foi o preludio dunha macabra política que, consciente e intencionadamente, se aplicaría nos anos seguintes no Estado: en febreiro de 1939, a poucos días de rematar a Guerra Civil, promúlgase a “Lei de responsabilidades políticas”, que de facto supón a institucionalización da barbarie e o terror. O ano I triunfal despois da vitoria non supuxo o cese da violencia: pola contra miles e miles de cidadáns foron executados e desaparecidos tralo final da guerra.

Setembro de 1961. Con milleiros de mortos ás súas costas, Franco inaugura a cruz do Castro, en honor dos “caídos por Dios y por España” .

Agosto de 2015. O mesmo alcalde que se nega a retirar a cruz do Castro, autoproclámase sucesor dos alcaldes fusilados polo franquismo.

Sentiríanse Martínez Garrido, Botana o Blein Budiño representados por Caballero?

29 agosto 2015