A cidade e os nenos

Un día, tempo atrás, camiñando pola praza da Independencia en Vigo, asistín a unha escena costumista moi habitual nas nosas cidades: unha disputa entre nenos e persoas maiores. Máis cruenta que a loita de clase é o choque entre persoas xubiladas e cativas. Nesta guerra interxeracional son habituais as batallas nos pomposamente denominados “parques biosaudábeis para adultos” (é canso ata escribilo), cando unha persoa de 90 anos e unha de 9 loitan polo mesmo bambán; xa sabedes, esa estraña mestura entre carriola e dispositivo de tortura da Santa Inquisición. A miña irmá, moi lucidamente opina que tería que ser obrigatoria a presenza dun fisioterapeuta en cada un destes parques biosaudábeis: da medo ver esas torsións imposibles nesas cadeiras de titanio, eses sufridos lombos con barrocos escorzos…

[Digresión e logo continúo co fío argumental: Non vos podedes perder as inauguracións deste tipo de parques cando van políticos. Se tedes o listón da vergoña allea moi baixo non vaiades, pero é moi divertido cando un alcalde ou un concelleiro soben a un bambán destes e póñense a pedalear como Purito camiño do Angliru… É que esta xente non ten asesores?…Non se decatan da vergoña allea que xeran?…O fan porque lles apetece ou porque lles vai no soldo? (Non sei cal destas respostas sería peor). En Vigo temos un moi bo exemplo deste tipo de político populista encarnado na figura de….. (Raios, sáltame o corrector de galego e non me deixa escribir o seu nome. Será porque os seus textos institucionais e a propaganda para a súa maior gloria van en castrapo)].

Ben, ao que ía. Un día na praza da Independencia un home de avanzada idade reprendía a varios cativos que estaban a escalar pola composición escultórica que conmemora a nosa liberación do xugo gavacho (canto houberamos gañado baixo ese xugo, visto o visto na nosa historia recente). E eu pensaba: pódese resistir a todo menos á tentación. Ten que ser unha atracción moi difícil de superar para un neno, nun entorno hostil de edificios, coches, etc,… ter esa marabilla para poder subir, esconderse, gabear,… Teñen nesa praza un parque hiper/super/mega adaptado á nenez, pero eles prefiren gabear por riba de Carolo machado en man. E que conste que eu lle cortaría os pés coas miñas mans a ese cativo se ousara xogar sobre os restos dunha casa castrexa, ou subirse á cuberta dun dolmen… Esquizofrenia conservacionista que sufro.

As cidades, os barrios non están pensados para os nenos. Falamos de humanizar cidades, recuperalas para a cidadanía, pero os nosos urbanistas nunca pensan nos cativos. Corren malos tempos para a nenez: a rapazada de 10 anos pode ter móbil, tablet, todo tipo de gadgets,… pero non pode baixar soa á rúa. Lembro a estrofa dunha canción de Alejandro Filio dedicada ao seu fillo, no que di que “… ese colegio es todo un paraiso, en el camino existen bichos y color…”. É moi raro que os nenos e nenas de primaria vaian camiñando sós ao cole; ou van en coche ou van sempre cun adulto, perdéndose toda esa fascinante bichería.

Négome a entrar no tópico discurso titulado “Cando eu era pequeno”: cando eu era pequeno estaba todo o día na rúa, cando eu era pequeno xogaba ao pincho, as bolas, cando eu era pequeno bla, bla, bla… Ese tempo xa pasou, non hai que presentar o pasado como un paraíso fuxido, só se trata de ser crítico, pensar no presente, e ir preparando o futuro que queremos para os nosos fillos nas cidades. Hai cousas que melloraron ao respecto da nosa nenez (formalmente as cidades son máis seguras, hai máis pasos de cebra, máis semáforos, máis parques acoutados a modo reservas animais para a infancia,..) pero tamén hai cousas peores (cidade en xeral máis agresiva, máis tráfico, a inexistencia de redes veciñais amplas que saiban quen é fillo de quen,…).

Supoño que esta situación que sufre a nenez ten que ver cunha paisaxe moita máis ampla: a cidade, o barrio están totalmente inmersos dentro dunha lóxica economicista. O modelo de casa como fortaleza da unidade familiar (sóavos La República Independiente de Mi Casa?), que se despraza en coche (monovolume ou todoterreo preferiblemente) á gran superficie para facer as súas compras (ou para pasear). O centro comercial como o nova ágora, o novo templo do século XXI , onde pasamos o tempo de ocio, traballamos, consumimos,… A rapazada non é máis que o reflexo da sociedade na que lles facemos vivir. Temos invadidos todos os espazos da infancia: facémonos amigos dos pais dos amigos dos nosos fillos, baixamos con eles ao parque (deseñados por adultos para maior comodidade e seguridade doutros adultos) de paso que baixamos ao can,… e non quero entrar no deporte escolar, que para eles é un xogo e para nos unha forma de canalizar as nosas frustracións.

Outro tipo de cidade e barrio -tanto a nivel urbanístico como a nivel social- ten que ser posible para os nosos fillos. Coido que hai que recuperar o xogo na rúa, os nenos da rúa (frase que agora ten connotacións negativas), reconquistar o espazo social e comunitario que a (i)lóxica capitalista está mercantilizando… Para pensar en todo isto, moi recomendable a lectura de Tonucci.

17 novembro 2013