Hai uns días, nun xornal de Vigo publicouse a seguinte noticia: “Vigo se transforma en la ciudad de la pintada”. No corpo da noticia denunciábase a proliferación de graffiti en lugares emblemáticos -como no monte do Castro, Casco Vello, etc-, e acompañábase o texto cunha foto do estado actual dunha pequena edificación de telecomunicacións emprazada na fortaleza militar de Santa María do Castro (século XVII), concretamente entre o primeiro e o segundo recinto. Este repetidor, o pobre, atópase cheo de pintadas.
Chamoume moito a atención o enfoque da noticia, e reflexionei (si, reflexionei) sobre como hai dúas varas de medir ao respecto das agresións do patrimonio. Nunha primeira lectura pódese pensar: Joé, que vándalos, como están a deixar o Castro!!! Pero, claro, se nos paramos a pensar, chegamos á conclusión de que esa pequena construción NON PODE estar situada alí. A Fortificación do Castro ten o nivel máximo de protección que establece tanto a lexislación autonómica como a estatal (Ben de Interese Cultural), e dun xeito tallante están prohibidas este tipo de alteracións; en teoría só serían autorizables as actuacións encamiñadas á conservación e/ou posta en valor do BIC en cuestión. Así que, neste caso, no partido das agresións ao patrimonio, o marcador reflectiría un preocupante graffiteiros 1- administracións 1.
En cambio, en aras do progreso ou do desenvolvemento económico, si e factible (ou desculpable) mirar para outro lado cando entra en conflito o patrimonio con actuacións urbanísticas ou comerciais. Porqué as pintadas no Casco Vello son unha lacra pero ao mesmo tempo rótulos, carteis luminosos, toldos,… en edificios modernistas ou na propia zona vella da cidade son asimilados sen maior rubor na paisaxe urbana? Imaxinade como cambiaría a paisaxe urbana se lle elimináramos os carteis, publicidade, neons,…aos edificios na seguinte foto.
Con isto non quero desculpar o uso indiscriminado do spray por todos lados, nin moito menos. Dáme exactamente igual que os ataques contra o patrimonio se fagan con garabata e dende un despacho, ou cun chándal e sprays: ambos son consecuencia da mesma falta de educación e o mesmo desprezo polo patrimonio.
Moléstame que se identifique “graffiti” con “praga”. Así que vou deixar aflorar o meu “eu” de barrio, e comparto varias pintadas que me transmiten cousas (dende logo moito máis que toldos e carteis de neon).
8 febreiro 2013