O conflito do barco Bernardo Alfageme no barrio vigués de Coia está no seu apoxeo: declaracións irresponsábeis dalgúns membros da corporación municipal, uso desmedido e gratuíto da forza, mentiras policiais para criminalizar á veciñanza que protesta polo irracional gasto,… Mentres, o alcalde/Rei Sol (…a cidade son eu…), saca a relucir a súa concepción pailana e provinciana do que, para el, é a cultura: a comparación coa Fontana de Trevi -para quen no saiba, dixo que o barco en Coia será como a Fontana de Trevi en Roma-, é o fiel reflexo non só do histriónico personaxe en cuestión, senón da súa concepción do patrimonio cultural.
Quero deixar agora a un lado a problemática central da protesta en Coia (a dilapidación dos cartos da cidadanía en actuacións absurdas, inútiles e inmorais), e centrarme nas vergoñas en materia cultural que afloran no caso do barco. Ao meu entender, hai dous grandes problemas ao respecto das políticas culturais na cidade:
1. O pailanismo, a escaseza de miras, o complexo de inferioridade. O exabrupto da Fontana de Trevi é o paradigma, non atopamos o noso modelo cultural como cidade e termos que buscar fóra as referencias que non atopamos na casa. Neste caso concreto, a comparación é esperpéntica.
2. A falta de políticas culturais a medio prazo. Noutras disciplinas (urbanismo, economía, etc) temos plans directores, plans sectoriais, plans urbanísticos que permiten sabermos, polo menos, cara onde encamiñarnos. É imprescindible facer plans directores da xestión cultural da cidade para saber onde estamos, onde queremos ir e que camiños coller.
Non pode ser que a decisión de usar un barco de gran valor histórico como elemento ornamental, poñéndoo ao mesmo nivel dun testo ou un banco, sexa tomada pola arroutada dun político. E o peor é que a cidadanía xa ten normalizadas este tipo de actuacións: unha corporación consegue cartos doutras administracións, e conforme sopre o vento inviste nunha dotación cultural ou noutra, segundo a moda no momento.
Porén, o fundamental está sen resolver. Invito por exemplo a calquera veciño da cidade a visitar o Arquivo Municipal do Concello de Vigo: contén documentación fundamental para o coñecemento histórico da cidade (con escritos dende o século XV) e o mellor emprazamento que se lle atopou foi nos sotos da casa consistorial, nun zulo no mesmo andar que o aparcadoiro dos funcionarios, deixado da man de Deus e de todas as corporacións que pasaron pola Praza do Rei, e que vai adiante grazas ao bo facer e a amabilidade do seu persoal.
En resumo, no caso da cultura e das dotacións culturais, a metodoloxía máis utilizada é… a improvisación. Prevemos abrir un museo, un centro de interpretación, un pazo de congresos, pero… sabemos canto custará ao ano a súa xestión? Temos claro o continente, pero,… sabemos cal será o contido? No caso do Bernardo Alfageme na rotonda,… ten o Concello previsto un plan de conservación para protexelo do impacto de agresións antrópicas ou naturais? Nesta concepción tan pobre da cultura, priman as actuacións megalómanas antes de buscaren unha cidadanía máis formada, unha sociedade máis cohesionada, un entorno urbano máis amable. Mentres que o goberno municipal aposta por un modelo de cultura, dende os barrios demóstrase que outra cultura é posible: neste días na rotonda de Coia escoitouse regueifa, escoitouse poesía (grande Manolo Pipas !!!), escoitouse rap feito no barrio,…
Por último, aviso a navegantes. Partidos políticos á esquerda do PSOE (ben, sei que non é difícil), están a propoñeren alternativas ao emprazamento do Bernardo Alfageme, moito máis racionais a todas luces, pero caendo nos vellos erros da vella política: argallar solucións a golpe de actualidade. Cando din que no caso de chegaren á alcaldía trasladarán o barco ao Museo do Mar (habería que preguntarlles en primeiro lugar se alí o queren), ou que retirarano se finalmente se instala na rotonda, están a tomar decisións que precisan dun maior tempo de reflexión. Sinceramente, agardaba declaracións de maior calado (non é unha charabisca sobre o barco), anunciando á cidadanía que cambiarán as maneiras de facer políticas culturais, que en vez de decisións e accións puntuais impulsarán un plan director sobre o patrimonio na cidade, para sabermos onde estamos, cara onde queremos ir e que camiño imos coller.
26 xaneiro 2015