Capitalismo, barrios, loita de clase

“A loita de clases segue existindo, e a miña vai gañando”

(Warren Buffet, multimillonario norteamericano)

Confeso que dubido. Confeso que despois de 1989 penso que o capitalismo gañou, que xa non hai contrapoder que lle faga fronte, que non hai alternativa global. Temos inserido no noso ADN que a continúa e perpetua acumulación de capital é a base da economía: ninguén discute que calquera realidade da nosa contorna ten un valor de cambio, ou que a plusvalía é a base do sistema.

Porén, tamén é evidente que na estrutura do capitalismo está a súa data de caducidade: é imposible o crecemento continuo e ilimitado nun mundo finito. Probablemente o capitalismo morra de éxito. Acabando con todos nós, habería que engadir.

Certezas como as que existían hai algunhas décadas están sendo desmontadas no noso mundo cambiante. Hai 50 anos era moi evidente a polarización do mundo do traballo: empresario vs obreiro, funda azul cobalto vs garabata, salario vs beneficio empresarial,… Era moi fácil percibir a loita de clases, os actores estaban claros, como tamén estaba claro o guión. Naquel mundo a fábrica era o campo de batalla da loita de clases, o espazo non só real senón tamén conceptual que funcionaba como lugar de cohesión da clase traballadora.

Mais esta interpretación quedouse obsoleta, xa non serve para explicar o mundo actual.

Pese a todos os cambios, temos que ter a suficiente lucidez para entender que a loita de clases non desapareceu, porque está claro que outros actores (as enerxéticas, bancos, espazos de xestión política,…) así o entenden. Nun mundo cambiante, tamén esta mutou e derivou nun proceso de atomización: non hai que falar dunha loita de clases, senón de moitas loitas de clases, con diferentes escenarios e protagonistas. E un dos campos de loita son os barrios.

Pensamos que o barrio é un espazo cunha escala – espacial e humana- axeitada para escavar trincheira contra o capitalismo. As lóxicas sobre as que se asenta o capitalismo (competencia, beneficio, individualismo,…) perden forza cando coñeces rostros e historias, cando nos atopamos na rúa.

Se ben é certo que é imposible loitar contra o CAPITALISMO con maiúsculas, no noso día a día podemos atopar espazos de resistencia (non só físicos, senón tamén mentais) nos cales empezar a erosionar os pés ao xigante. O valor do común, o apoio mutuo, o valor da gratuidade e do tempo fronte ao diñeiro, son elementos sobre os que podemos comezar a construír pequenos espazos autónomos para tratar de vivir na periferia do capitalismo, poñendo as persoas no centro do sistema, con vidas que merezan a pena de seren vividas con plenitude.

29 xaneiro 2017

[derradeiro artigo publicado no blogue > http://alicerces.prazapublica.com]