Barrios, espazos de vida: A experiencia de Coia

En xaneiro de 1975 o Ministerio de Gobernación, no seu documento interno Plan Barrios, catalogou como perigoso e subversivo ao barrio de Coia –xunto aos tamén barrios vigueses de Calvario e Ribadavia-. Por ignorancia ou por mala fe, poñíase o énfase nas consecuencias e non nas causas, cun falaz discurso que segue plenamente vixente na actualidade.

No caso da Coia dos anos 70 e 80, a perigosidade e a subversión tiñan unhas razóns moi claras. En a penas unha década, pasou de ser unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso a un barrio urbano construído a toda velocidade, onde as insuficiencias dotacionais constituíron un problema de primeiro orde que chegaron a causar trastornos de saúde ou mesmo mortes. O paro, as drogas, a precariedade e a desatención por parte das administracións eran o ecosistema cotián no que tiñan que vivir os veciños do barrio.

Nese ambiente de desamparo e abandono, a veciñanza atopou un camiño de saída: xuntarse e loitar. Ben a través de asociacións de veciños, ben a través doutro tipo de plataformas, pretendeuse que o barrio fora un suxeito activo do seu propio desenvolvemento integral.

Pensamos que é unha historia que paga a pena ser recuperada e contada. No mes de febreiro a biblioteca Neira Vilas (Vigo) acollerá unha serie de actividades baixo o título: Barrios, espazos de vida. A experiencia de Coia. Un ciclo de charlas, unha pequena exposición fotográfica e un obradoiro para crianzas serán a escusa para pensar sobre aquilo que fomos e tamén o que somos. As actividades a desenvolver serán as seguintes:

> CICLO DE CHARLAS

- A Coia tradicional, dende as súas orixes ata o século XX a cargo de Eduardo Rodríguez. Martes 4 de febreiro ás 19h30. Coia non foi sempre un barrio ateigado de rúas e edificios: ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais que existían no Val do Fragoso. Se retrocedemos aínda máis na Historia, descubrimos as pegadas das xentes que habitaron a Coia tradicional. Nalgúns casos os ecos desas vellas sociedades subsistiron en forma de restos arqueolóxicos.

- Das leiras aos grandes bloques a cargo de Eduardo Rodríguez e Diego Lores. Martes 11 de febreiro ás 19h30. Os anos 60 supuxeron o final da paisaxe rural que durara tantos anos. Nesas datas execútase o Plan Parcial del Polígono de Coya, e o arquitecto Desiderio Pernas deseña a configuración dos novos espazos. A nova paisaxe urbanística e a chegada de nova poboación (de orixe rural que viña a dotar de man de obra á industria florecente) carrexou a aparición de numerosas contradicións.

- Do barrio que temos ao barrio que precisamos a cargo de Diego Lores. Martes 18 de febreiro ás 19h30. A fractura social é cada día máis evidente, e nos barrios populares os seus habitantes están máis expostos as súas consecuencias negativas. Os anos de deterioro dos lazos comunitarios, de individualismo, de consumismo, de inseguridade, de privatizacións… fixeron que estes espazos foran perdendo a súa forza coma xeradores de vida. Partindo deste momento de mudanzas, queremos deternos e pensar -en común- que vida queremos/precisamos construír día a día nos nosos barrios.

> ACTIVIDADE PÚBLICO INFANTIL (dende 5 ata 12 anos)

- Obradoiro: O barrio, a nosa casa a cargo de Eduardo Rodríguez e Diego Lores. Martes 25 de febreiro ás 19h30. Cos máis pequenos trataremos de dar resposta a preguntas coma: Como era o barrio cando os vosos avós tiñan a vosa idade? Que barrio gustaríanos construír?…

> EXPOSICIÓN NA BIBLIOTECA

-Paneis e fotografías farán un repaso pola historia de Coia, un barrio cargado de vida. Do 3 de febreiro ao 1 de marzo, en horario de apertura da biblioteca.

Xuntamos o cartel que anuncia as xornadas, e por suposto, estades todos convidados.

29 xaneiro 2014