Así como cho conto

O outro día maxinabamos sobre cal era á lóxica que levaba a xente a consumir cultura -que mal soan esas as dúas palabras na mesma frase- e a visitar museos, edificios históricos,… e chegabamos a conclusión (non sei por que falo en plural, cada quen que saque as súas) de que unha das principais razóns está en que pode ser un elemento de goce e coñecemento, nutrindo tanto ao individuo como a sociedade na que se insire esa realidade cultural.

Pero a Historia e o patrimonio tamén teñen outros usos. Así, por exemplo, a partir de feitos ou realidades do pasado, xustificamos actuacións presentes e tentamos proxectar o futuro da nosa sociedade. Non descubrimos a pólvora se dicimos que moitos manuais de nacionalismo escríbense cun libro de Economía nunha man e un de Historia na outra. Agora non quero entrar nese xardín -non sería doado atopar a saída sen enredarme en espiñentos toxos-, así que colareime noutro menos dado a polémicas.

Dende hai un tempo, estou a observar unha cousa. Non sei a santo de que, pero fixeime como se buscan referencias no pasado para xustificar o uso de medicinas non convencionais/tratamentos alternativos/terapias naturais. Si ti colles calquera libro ou calquera web que trate sobre o tema, por narices o 90% dos textos comezan cun “…xa os antigos (engadir celtas, maias, monxes tibetanos, a gusto do consumidor)….”, “…na Prehistoria xa…” ou propostas semellantes. Cando non se fala sen rubor de civilizacións perdidas, habitadas por seres vidos dende máis alá das estreitas e dotados dunha tecnoloxía que nin podemos imaxinar.

Alicerces, no seu empeño de ensinar á vez que entreter, reproduce fragmentos duns textos que se poden atopar na Rede, en webs que ofertan este tipo de terapias (tamén me chamou a atención que a maior parte delas teñen música de ascensor). Non enlazo cos sitios orixinais para protexer a identidade dos autores, respecto moito que cada quen gañe o seu pan como poida, pero en todo caso son textos reais. Un par de exemplos, que atopei en menos de media de hora de busca:

“Desde tiempos inmemoriables, antes de las glaciaciones, nuestros antepasados eran frugívoros por naturaleza: comían frutas, bayas, y quizá hojas de plantas. En esto, casi todos los autores están de acuerdo. Con las glaciaciones se creyó, en un principio, que a nuestros antecesores no les quedaba más que dos opciones: o hacerse carnívoros o extinguirse de la faz del planeta…. Pero he aquí este otro descubrimiento: no todo el planeta estaba cubierto de hielo, pues si así fuera los animales hervíboros que cazaban nuestros antepasados no podrían existir ya que no dispondrían de su sustento nutricional… Por tanto, los hombres prehistoricos tuvieron que desplazarse durante la era fría a zonas sin hielo…, y ahí siguieron comiendo vegetales crudos…La postura higienista pura se basa en estas observaciones para concretar que la idea de la alimentación humana sería un régimen crudívoro-vegano con una ingestión moderada o nula de proteína vegetal…”.

Toma xa, vaia marfallada. A partir dun postulado que a ciencia demóstranos que é totalmente falso, o autor deste texto xustifica a súa opción -totalmente lícita, evidentemente- por un tipo de alimentación, neste caso a inxestión de alimentos crus sen elaborar; opción que, por suposto, non valoramos por que non temos coñecementos de dietética. Recomendación ao terapeuta: un par de documentais da 2 despois de comer -froitas e verduras-, e asunto arranxado.

Outro exemplo atopado, este aínda máis fantástico, neste caso sobre a cristaloterapia:

“…Los minerales, gemas y piedras son diferentes variedades de cristales y se conocen tan antiguamente como de la existencia del hombre en la tierra. Prehistóricamente en el Paleolítico se utilizaban minerales para realizar herramientas como el Sílex que se utilizaba para afilar y poder utilizar como herramienta de corte o arma de caza o defensa…Podríamos afirmar que posiblemente a parte de sus propiedades materiales tal vez fue el primer mineral-cristal con propiedades mágicas. Existe una leyenda que dice textualmente: Había una vez una piedra que no era común y corriente: era mágica. Esa piedra se convertía en mujer cuando había luna llena y brillaba tanto la piedra que alumbraba los árboles del bosque. Muchos buscaron esa piedra, pero nunca la pudieron encontrar y cuando un niño pasó por donde estaba la piedra, le puso Sílex y se la llevó… Este fenómeno, aunque parezca de cuento de hadas, es totalmente real y se ha podido comprobar científicamente….En un determinado tiempo aparecieron los lemures y los atlantes, creemos anteriores al año 9000 a.c., pues Platón en sus Diálogos… ”

E ao chegar ao dos atlantes, deixei de ler. Non sei se é máis alucinante que transcriba unha lenda paleolítica ou a leria das civilizacións desaparecidas. A miña condición de escéptico militante faime ter moitos prexuízos con este tipo de terapias, e aínda por riba, este tipo de xustificacións non axuda moito. Onde haxa un Ibuprofeno, que se quiten todas as flores de Bach do mundo… Así como cho conto.

11 xaneiro 2014