6/6 Lavadoiro de Esturáns

Achegamos a ficha do lavadoiro de Esturáns, a información do resto de lavadoiros a podedes atopar no documento > Os lavadoiros de Coia

_localización

Atópase moi preto do de Barxiela. Partimos daquel e subimos de novo cara á praza da Consolación. A uns 70 metros sae un camiño á esquerda; continuamos durante 30 metros e, a beira esquerda do camiño, atopamos o lavadoiro de Esturáns.

As súas coordenadas son 42.22126, -8.74174.

Localízase no barrio de Esturáns, conformado por vivendas unifamiliares e terras abandonadas ocupadas por mato.

_descrición

Está construído con perpiaño, cunha pía rectangular de pequeno tamaño, cunha fila de lousas para lavar a roupa. Aliméntase a través dunha pequena fonte en moi mal estado. É moi probable que nalgún momento estivese teitado, xa que se aprecian restos de piares feitos con ladrillo. O espazo demárcase cun muro de peche irregular construído con perpiaño, formigón e ladrillo, ao que se accede a través dunhas escaleiras.

O seu estado é dun total abandono, e non atopamos documentación histórica asociada.