A sexta entrevistada da quinta tempada é Pura González Carnero.
Naceu nunha parroquia de Sober hai 100 anos, mais cedo mudouse a Coia coa súa familia. No Turreiro de Coia despachou na tenda familiar até que casou. Recorda Pura que no turreiro facíanse "as mellores festas de todo Vigo".
Foi testemuña da transformación de Coia. Habitantes coma ela, da Coia tradicional, viviron como a construción do polígono levou por diante devesas e casas expropiadas por poucos cartos. Pura lembra como a muller de Franco gustou do hórreo do seu sogro, que mandou levalo até o Pazo de Meirás.
Nos inicios dos 70 dominicos e dominicas iniciaron tarefa na parroquia do Cristo da Vitoria, onde a nosa protagonista participou activamente. Chegaron con novas formas de facer igrexa que chocaban coa relixiosidade da época. Pura foi persoa activa na acción social da comunidade e participou alimentando a cativos, como quen a entrevista, nos campamentos de Vilán.
Desde hai sete anos vive na residencia de Alcabre. Segue activa, sacando forzas para se manter o máis autónoma posible. Un privilexio poder conversar con Pura, memoria vivente dun barrio e dunha época. Despedímonos cun tema de Sobre Rodas que leva por título: "As Matas".
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.