A cuarta entrevista da quinta tempada é Irene Esperón Rodríguez.
Irene naceu e medrou en Marín, pero aos trece anos chegou a Vigo, onde reside. Chega recomendada pola anterior entrevistada, Conchi, coa que comparte tarefa no seminario de comunicación en situacións difíciles que realizan co alumnado de Enfermaría. Desde cativa lembra ter sempre facilidade para escoitar, e fixo deste don a súa profesión tras estudar Psicoloxía en Compostela.
Traballa como psicóloga clínica no CHUVI, en concreto no ámbito dos coidados paliativos, que son os encargados de aliviar o malestar das persoas que teñen doenzas sen cura. Na súa experiencia profesional obtivo valiosos aprendizaxes, como que “o final da vida é unha etapa moi de verdade” ou que “as persoas que morren ben, en paz, son as persoas que fixeron da súa vida o proxecto que quixeron”.
Na conversa dáse unha fermosa coincidencia entre entrevistada e entrevistador: Marina, monxa dominica que fixo barrio e comunidade en Coia. Irene acompañouna no final da súa vida, cando Marina era paciente oncolóxica. O compromiso de Marina, e de Mar, superou o impacto do cancro nunha loita que mellorou o benestar das pacientes de oncoloxía e que Irene lembra con moito agarimo.
É un luxo escoitar a profesionais e persoas coma Irene, cheas de saber, delicadeza, sensibilidade e fondura. Despedímonos con Silvio Rodríguez: Irene escolleu o tema “Te conozco” para pechar o falangullo.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.