5/6 Lavadoiro de Barxiela

Achegamos a ficha do lavadoiro de Barxiela, a información do resto de lavadoiros a podedes atopar no documento > Os lavadoiros de Coia

_localización

Partimos dende a praza da Consolación, diante da igrexa de San Martín de Coia, e baixamos polo camiño da Barciela. A uns 320 metros, a man esquerda, atopamos o lavadoiro.

As súas coordenadas son 42.22213, -8.74195.

Localízase noutra zona que non sucumbiu ao crecemento urbanístico; vivendas unifamiliares e un vello equipamento industrial rodean este ben cultural. Porén, é o único lavadoiro que aínda mantén a súa función orixinal. De cando en vez pódese ver a xente utilizalo para lavar roupa (moi habitual cos feirantes das festas de Coia), ou collendo auga na súa fonte.

_descrición

É rectangular, estando construído con perpiaño. O seu interior está revestido con azulexo. Nun extremo do lavadoiro, unha fonte aporta un xeneroso caudal de auga nunha pía cuadrangular. O conxunto está pechado en dous dos seus lados cun muro, e seis piares sosteñen un teito de formigón a dúas augas.

_documentación histórica

No documento “Inventario de fuentes, año 1924” consultado no arquivo municipal de Vigo, enumérase a presenza deste lavadoiro:

“...Lavadero llamado Bargiela. Está bien...”

No documento “Lavaderos y fuentes públicas del término municipal de Vigo, en el año 1946” consultado no arquivo municipal de Vigo, fálase dunha “...fonte da Consolación...”. Quizais poida tratarse da forte da Barxiela.

No documento “Certificados de construcción de lavaderos y subvenciones concedidas para ellos como obras sociales del Movimiento (1952-53)”,  aparecen varias certificacións de obras; entre elas:

“...En el lugar de San Gregorio de la parroquia de Bouzas, ...consistentes en la reparación del estanque de cantería, con nueva cubierta de Uralita. El importe de las obras fue de seis mil cincuenta pesetas. Las reciben el 30 de agosto de 1952 el arquitecto municpal y el teniente de alcalde. Hechas en base a subvención de la Diputación de Pontevedra...

...Idem para el lavadero en el camino de Bargiela, con un coste de 9.100 pesetas...”.

Na comunicación que a Junta de Ayuda a Municipios e Instituciones envía ao Concello (con data de 17 de xaneiro de 1952) comunicando as subvencións, especifica que “...estas obras llevarán, en lugar claro y visible, el YUGO y las FLECHAS, emblema del Movimiento y las iniciales J.A.M. (Junta de Ayuda a Municipios), con la fecha del año de ejecución...”.