A quinta entrevistada da tempada é Lara Boubeta Bamio.
Esta canguesa comezou a xogar ao fútbol cos veciños nas rúas da vila, alí foi onde coñeceu a Maruchi. Unha "muller marabillosa" que lle amosou que o fútbol era tamén das mulleres. Lara inicia en fútbol sala, pero pronto fáiselle pequeno e pasa a xogar fútbol once. O Mundial gañado pola selección española feminina trouxo cambios, mais lembra como ela e a maioría de compañeiras padeceron moreas de insultos por darlle patadas a un balón.
Lara é mestra de Primaria no Morrazo e forma parte da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia. Docente inqueda que expresa en iniciativas coma Diverxentes, "canle de Youtube de peques diverxentes do CEIP San Roque de Darbo para compartir contidos LGBTIQA+ en galego" ou no Instagram @sempre_estou_aprendendo onde comparte materiais en galego para so seu uso en aulas da primaria. En 2023 publica "Xe", libro ilustrado por Sara Valcárcel, que conta a historia do nacemento dun bebé que é unha incógnita. O conto provoca unha reflexión sobre o xénero e a intersexualidade, sendo un texto pioneiro en literatura infantil en galego.
Para pecharmos esta conversa Lara déixanos con ”Semente de vencer" de Sés unha peza que lle da forzas para afrontar as dificultades da vida.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.