A segunda entrevistada da terceira tempada é Sara Faro Lubiáns.
Sara é unha moza de Coia, barrio ao que chegaron os seus avós desde Arbo. Estudou no Coia 2 onde participou activamente no "Comando Igualdade", grupo humano no que alén de formarse teceu relacións ao redor dos feminismos que transformaron a súa vida e con ela a da súa contorna máis próxima. Na actualidade Sara estuda "Dirección Escénica e Dramaturxia" en Navia aínda que este curso marchou até Porto grazas ao programa Erasmus+.
De meniña comezou no grupo de pandereteiras "Lumieiras" onde mamou a música tradicional ao tempo que facía amizades. En 2022 Sara iniciou xunto a María o proxecto musical Fillas de Cassandra. Malia o escaso tempo fixeron unha chea de concertos, sacaron varios videoclips, cantaron no Luar... e no primeiro trimestre de 2023 van sacar o seu primeiro disco. O grupo está a ter moi boa acollida e nel xúntanse en perfecta harmonía os feminismos cos sons da terra levados a este século.
Un gustazo escoitar a Sara falar sobre música, feminismos, aprendizaxes... Rematamos os 25 minutos de conversa coa recomendación de Sara: "O meu amor" unha peza de Leilía.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.