3x12 #RadioManoplas: Gabriela Legaspi Fernández

Gabriela Legaspi Fernández pasa polo micro de Radio Manoplas no duodécimo falangullo da terceira tempada.

Naceu no Perú e aos dous anos e medio chegou a Galiza en adopción. Na actualidade dinamiza Manaia Moza, sección xuvenil da asociación Manaia "formada por mozos e mozas adoptadas e/ou acollidas entre 14 e 30 anos. O seu obxectivo é crear un punto de encontro sen participación das súas familias no que se sintan seguras". Buscan crear un espazo de seguro, ao marxe dos familiares, no que poñer en común as súas vivencias como persoas acollidas e/ou adoptadas. Para isto organizan faladoiros (racismo) e obradoiros (poesía, encadernación...) que serven de escusa para socializar as súas experiencias.

Gabriela fala de vagar sobre a súa vivencia, anos de reflexión e compartir fixeron que estas cuestións as explique con serenidade e naturalidade. A sociedade non o pon fácil: o silencio sobre estes temas, o racismo que sofren as racializadas, o pechado concepto de familia... fan moi necesario a creación de espazos como Manaia Moza, xa que axudan a visualizar realidades e crean referentes.

Celebramos o valor e a tarefa que desenvolven persoas como Gabriela que sen dúbida melloran as nosas comunidades. Pechamos coa recomendación musical da entrevista, nesta ocasión a canción de Sés “Non son fada".

Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.