Achegamos a ficha do lavadoiro de Figueirido, a información do resto de lavadoiros a podedes atopar no documento > Os lavadoiros de Coia
_localización
Baixamos pola rúa Tui, e poucos metros antes de chegar ao Centro de Saúde, desviámonos á esquerda, cara ao camiño Figueirido. Continuamos durante 110 metros, e collemos un sendeiro que parte á dereita da rúa. Ao final do camiño, 40 metros despois, atopamos o lavadoiro.
As súas coordenadas son 42.2159, -8.74507.
Atópase nunha das zonas de Coia que quedaron ao marxe da urbanización a partir dos anos 70. Así, xunto ás vivendas de planta baixa e algunha pequena nave industrial que se articulan ao longo do camiño Figueirido, atopamos unha gran superficie de terras, xa sexan incultas ou con pequenas explotacións familiares.
_descrición
Está construído con perpiaño, e o interior está revestido con azulexo. A súa pía é rectangular, e semella que ao realizar o peche perimetral que presenta na actualidade anularon o sector oeste con respecto da súa extensión orixinal. Asóciase a unha fila de lousas perimetrais en tres dos seus lados, para lavar a roupa. Completa o conxunto unha fonte e un pequeno banco de pedra.
Ten unha cuberta plana de formigón, asociada a seis piares. Esta estrutura está pechada con formigón en tres dos seus lados, quedando só aberta a zona sueste, pola que accedemos ao lavadoiro.
_documentación histórica
No documento “Instancia para arreglo fuente Figueirido (9 de diciembre de 1924)”, consultado no arquivo municipal de Vigo, atopamos información histórica respecto a este lavadoiro:
“...Al Excmo Ayuntamiento de Vigo:
Victoriano Riobo Pazó, Pte de la sociedad de Agricultores de Coya a esa excma corporación expone; que esta sociedad en reunión celebrada el día 5 del corriente acordó dirigirse a esa corporación pidiendo que por el Ayuntamiento se acuerde el saneamiento y cubertura de la Fuente llamada de Figueirido por ser de gran utilidad y estar ya empezadas las obras y luego abandonadas no sabemos con que motivo.
Es labor que no dudamos alcanzar de esa excma corporación cuya vida guarde Dios muchos años.
Coya 9 de diciembre de 1924
Fdo:
El presidente Victoriano Roibó
El secretario: ¿Mariano? Casal
Sesión de 10 de diciembre de 1924:
La Comisión Permanente acordó pase la anterior instancia a la Subcomisión de Aguas y Alumbrado, para su informe...”