A entrevistada no noveno falangullo desta tempada é Sandra Senra Gómez.
Nada en Sanxenxo onde pasou a súa infancia. Viviu en varias cidades galegas e tras estudar Psicoloxía chega a Vigo, onde desde hai 19 anos traballa na libraría "Libros para soñar". Gravamos a entrevista na libraría onde a literatura -sobre todo aquela dirixida ás cativas- é o eixo central desta conversa.
A editorial galega Kalandraka é a impulsora desta libraría, na que ademais de atopar un amplo catálogo de libros para as crianzas é tamén un espazo de dinamización cultural onde hai contacontos, sesións para bebés, formacións e tamén dúas libreiras estupendas. Sandra foi testemuña da mudanza da zona vella de Vigo, onde se atopa a libraría, que desde os inicios de século sufriu importante transformación. En paralelo a estes cambios Sandra fala tamén de como evolucionou a crianza e como con ela moitas familias comezaron a demandar actividades e libros para as meniñas desde idades máis temperás.
Xunto ao seu irmán traduciu ao galego varios textos infantís. O seu gozo polos libros vira en recomendacións para as persoas da súa contorna, sen dúbida escoitala anima á lectura, xa que Sandra transmite gran emoción ao falar de libros. Para rematar esta conversa ficamos coa peza que recomenda Sandra, nesta ocasión: "Hoy puede ser un gran día" de Serrat.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.