A entrevistada no sexto falangullo desta tempada é Rebeca Martínez Gándara.
Medrou en Escolas Públicas, unha céntrica e pouco coñecida rúa de Vigo. As vivendas da Renfe deron acubillo a Rebe e a súa familia. Creceu nos anos da loita obreira en ASCÓN, onde traballou o seu pai, que lle serviron para concienciarse.
Estudou no colexio García Barbón do que pasou ao instituto de Teis a estudar FP, daquela uns estudos pouco valorados. Entrou no mundo da estética, ao tempo que cursaba eses estudos en vacacións e feriados aprendía o oficio xunto a Mara Costas. Montou o seu propio negocio até os anos da crise/estafa. Tras uns anos de parada continua na actualidade no sector, agora empregada por conta allea.
Rebe é unha persoa chea de enerxía que no seu día a día traballa, xunto a outras, por facer do mundo un lugar mellor. Isto a levou a participar en grupos de crianza e de consumo, a ser persoa activa na asociación “As da Industria” e tamén a poñer o corpo na defensa do país e na loita feminista. Para rematar esta inspiradora conversa escoitamos a Lucía Aldao cantando: "A do faro".
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.