2x12 #RadioManoplas: Estefanía Rodrigues Araujo

A entrevistada no falangullo número doce da segunda tempada é Estefanía Rodrigues Araujo, máis coñecida por Fani.

Abrimos a entrevista falando sobre Educación Social, estudos universitarios que esta moza cursou no campus de Ourense. Grazas a este grao exerce de educadora na mini residencia de protección “O Seixo”, en Vigo.

Debullamos con ela o funcionamento do sistema de protección infantil, o cal por desgraza segue a ser un gran descoñecido para a meirande parte da sociedade. Para Fani é moi importante superar os estigmas que aínda perseguen a infancia tutelada. Para ela son moi necesarios os bos equipos de traballo nos que a comunicación e a coordinación sexan piares nos que soster o desempeño profesional.

O coñecemento de Fani sobre este mundo alén do académico é sobre todo vivencial. Dos 3 aos 18 anos viviu na casa de familia que as Carmelitas teñen en Vigo. Comparte o arrepío que sentiu ao escoitar por boca dun técnico da Xunta que aos 18 anos tiña que buscarse a vida por ela mesma. Fala tamén da importancia do vínculo coas crianzas que se atopan neste sistema.

Un pracer escoitar a Fani e coñecer os seus posicionamentos como educadora, onde o vínculo e o agarimo son principios básicos. Ela é exemplo de que os bos acompañamentos e apoios son moi importantes para dar futuro ás crianzas que pasan polo sistema de protección. Despedímonos cunha tema de Funambulista que leva por título: "Valiente y libre".

Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO