A entrevistada no undécimo falangullo desta tempada é Rita Gallego.
Desde pequena foi unha cativa rebelde e cunha forte personalidade forxada nas rúas de Bouzas e Coia.
Rita é unha persoa moi activa e chea de enerxía. Gaña o salario, escaso, traballando no Servizo de Atención no Fogar que presta a empresa ServiSAR para o concello de Vigo. As empregadas prefiren nomear así o servizo no canto de “axuda no fogar”, para elas a súa tarefa ten máis connotacións que as incluídas no verbo “axudar”. O mundo laboral ocupa unha parte do seu tempo que dedica tamén a diferentes activismos que nos últimos anos comparte con dúas netas e dous netos.
Con ela coñecemos a actividade de centos de persoas, a maioría mulleres, que traballan diariamente en fogares con persoas dependentes. Un sector esencial, mais pouco valorado no que grandes empresas están a encher os petos coa xestión de servizos públicos. Na procura de respostas colectivas moitas compañeiras xuntáronse na Plataforma SAF Galicia que nos últimos meses denuncia as precarias condicións destes servizos.
Pechamos a entrevista con outra muller brava: Sés que canta "A paz esquiva”.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.